A OMIX de Tomiño prepara un obradoiro de bordado sobre fotografía en tea
• Xa está aberto o prazo de inscrición para participar neste curso de catro horas de duración
Infogauda / Tomiño
O Concello prepara un novo curso para a mocidade no que mesturar creatividade e artesanía. A OMIX de Tomiño celebra o vindeiro 16 de marzo un obradoiro de catro horas de duración de bordado sobre fotografía de tea, un curso no que as persoas participantes aprenderán a transferir imaxes á tea e a coser sobre elas, realizando un collage no que fotografía e bordado tridimensional se mesturarán para xerar creacións únicas e personalizadas.
A través de puntos planos e de relevo as persoas que se inscriban daranlle cor e volume a unha fotografía, seleccionando a paleta de cores perfecta para crear unha peza artesanal única chea de cor, textura e relevo. Para participar non é necesario ter coñecementos previos e todo o material vai engadida na inscrición.
O curso celebrarase na PrazaCultura de Goián en dúas quendas: o grupo 1 recibirá as clases en horario de mañá, de 09.30 a 13.30 horas, e o grupo 2 en horario de tarde, de 16.00 a 20.00 horas. O obradoiro terá un prezo de 20 euros por persoa participante e xa está aberto o prazo de inscrición a través da web municipal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario