20 de feb. de 2024

O ROSAL

Música e poesía para conmemorar o Día de Rosalía no Rosal  

 O auditorio municipal acollerá este domingo 25 de febreiro, ás 19.00 horas, con entrada de balde, unha gala con lectura de poemas da autora e o concerto do cuarteto Son de Corda

 


Infogauda / O Rosal 

 O Concello do Rosal vai conmemorar o Día de Rosalía con música e poesía. Este domingo 25 de febreiro, ás 19.00 horas, o auditorio municipal acollerá a tradicional gala do Día de Rosalía, un acto no que rosaleiros e rosaleiras poderán achegarse á figura e á obra da autora galega máis universal especialmente a través da palabra.  

 Como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, esta gala “busca ser unha pequena homenaxe a unha muller que foi pioneira do pensamento feminista, innovadora e adiantada ao seu tempo, precursora da poesía moderna e a autora que devolveu ao galego o seu carácter de lingua culta”. 

 Como cada ano, durante a gala varias persoas procederán á lectura de poemas da propia Rosalía de Castro e o público poderá desfrutar tamén do concerto do cuarteto vocal Son de Corda, que combina nas súas actuacións música a capella con acompañamento instrumental. 

 A gala estará dirixida a público de todas as idades. O evento será de balde, con entrada libre ata completar aforo. A alcaldesa convida a toda a veciñanza a participar e agradece a colaboración e participación de todas as persoas que prestarán a súa voz para conmemorar a figura de Rosalía.

Ningún comentario:

Publicar un comentario