14 de feb. de 2024

TOMIÑO

A diversidade e exuberancia vexetal dun xardín en Caldas de Reis, gañadora dos IV Premios Xardín Galego  

 O autor, Ángel Otero, recolleu o seu galardón nunha gala de entrega de premios celebrada no salón de plenos do Concello de Tomiño  

 O xardín Mourelos, de Martín Toimil, e o proxecto de paisaxismo no Palacio da Oliva, de Ángel Romero, obtiveron o segundo e terceiro premio  


Ángel Otero, gañador do certame, recolleu o seu galardón de mans da alcaldesa Sandra González, nunha gala de entrega de premios celebrada no salón de plenos do Concello de Tomiño  
Fotos: C.T.
 Mariví Álvarez, presidenta de acuBam, con Martín Toimil, que recibíu o diploma e o trofeo correspondentes ao 2º premio
Víctor Pérez, presidente de AGAEXAR, con Ángel Romero, que recibíu o diploma correspondente ao 3º premio
Ángel Otero - no centro -, con Martín Toimil - á esq. - e Ángel Romero, cos seus respectivos diplomas

Infogauda / Tomiño 

 Grandísimo nivel de participación na cuarta edición dos Premios Xardín Galego que cada ano conceden a Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (AGAEXAR) para recoñecer e difundir actuacións exemplares en traballos de xardinería pública e privada, poñendo en valor o sector, promovendo a innovación e promocionando o sector da xardinería.  

 Un xardín privado en Caldas de Reis, deseñado por Ángel Otero, foi elixido polo xurado como gañador desta cuarta edición pola súa aposta firme e decidida pola diversidade vexetal. Deste xeito, Otero revalida o título de gañador que xa obtivera o ano pasado pola “resolución brillante de deseño e de composición baseada na exuberancia das plantas e das súas floracións, facendo unha excelente lectura potencial das terrazas para albergar unha colección botánica máis que interesante”. Os membros do xurado destacaron que a proposta “roza a perfección” e que no deseño domina o elemento vexetal e a cor, creando espazos interesantes visualmente nos que o cambio estacional recreará escenarios diferentes.  

 Martín Toimil, de LaND30, obtivo o segundo posto con ‘Mourelos’, unha proposta na que destaca a “marabillosa selección de especies e a súa combinación nun mixed border [bordo mixto, en galego] interesante. Diversidade vexetal en estado puro e fomento da biodiversidade cun bo xogo de texturas e cores, equilibrio e harmonía”. Os cinco expertas e expertos membros do xurado destacaron a boa elección de especies para crear un ambiente singular e un xardín paisaxista naturalista.  

 Pola súa banda, o terceiro premio desta nova edición dos galardóns de acuBam e AGAEXAR recaeu en Ángel Romero, de ARomero Paisaxismo, polo seu proxecto de paisaxismo no Palacio da Oliva, de Vigo. O xurado destacou que se trata dunha proposta na que o xardín está “moi ben adaptado á arquitectura, cunha boa selección de especies e coa colocación de plantas en espazos verticais que dotan ao conxunto de máis verde”. Unha actuación “sobria e elegante” que harmoniza coa contorna “sen quitarlle protagonismo, cunha boa combinación de materiais inertes e vexetación” que dan lugar a un xardín de baixo mantemento. 

 O xurado quixo agradecer expresamente a todas e todos os candidatos o esforzo para presentar os seus traballos a esta nova edición dos premios, que contou tamén coas propostas de xardín aberto ao mar, de Magda Jandová (Viveiros Adoa); a mellora paisaxística dun xardín en Celanova, de R. Aricia Rodríguez; rotondas no Porriño, a cargo de Sinda Davila; o proxecto ‘10x7’, de José Souto (Innova Paisaxes) en Boiro; a Praza do Calvario, no Rosal, de Víctor Mario Pérez (Píntega Xardíns); e o reacondicionamento do xardín Charo, obra de Marina Muñoz (Brivegmar). 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González; a presidenta de acuBam, Mariví Álvarez; o presidente de AGAEXAR, Víctor Pérez; autoras e autores das propostas gañadoras así como o resto de empresas e persoas autónomas participantes no certame estiveron na gala de entrega de premios que se celebrou no salón de plenos do Concello de Tomiño. A entrega arrancou con varias charlas abertas tamén ao público, na que se afondou sobre programadores de rega orientados a viveiros de produción e xardinería, sobre os desafíos fitopatolóxicos na planta ornamental ou a presentación de produtos a cargo de Suministros e Instalacións Río Verde. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario