Día Internacional das Mulleres – 8M
A Subdelegación do Goberno acolle unha xornada formativa centrada nas mulleres estranxeiras vítimas de violencia de xénero
• A actividade terá lugar o próximo xoves 7 de marzo e enmárcase no programa de actividades organizado co gallo da celebración do Día Internacional das Mulleres
• O subdelegado, Abel Losada, animou a todos os profesionais da provincia a inscribirse na xornada
• Será impartida polo xefe da Oficina de Estranxeiría
Infogauda / Pontevedra
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, anima ás e aos profesionais da provincia a inscribirse na xornada formativa que acollerá a Subdelegación do Goberno o próximo xoves 7 de marzo co gallo da celebración do Día Internacional das Mulleres. A actividade formativa profundará no marco xurídico aplicable ás mulleres estranxeiras vítimas de violencia de xénero e levarase a cabo no salón de actos da Subdelegación entre as 10:00 e as 12.00 horas.
Tal e como informou o subdelegado o seu obxectivo é formar ao persoal dos servizos sociais e Centros de Información á Muller (CIMs), traballadores e traballadoras de ONGs, membros das Forzas e Corpos de Seguridade, avogados e avogadas e calquera outro/a profesional que traballe no campo da prevención da violencia de xénero e na atención ás vítimas sobre o marco xurídico aplicable ás mulleres estranxeiras vítimas de violencia machista.
Será o propio subdelegado do Goberno en Pontevedra o encargado de realizar a presentación da xornada, que será impartida polo xefe da Oficina de Estranxeiría da Subdelegación do Goberno, Juan Carlos Vázquez.
A asistencia é totalmente gratuíta, mais por cuestión de aforo as prazas son limitadas. Todas aquelas persoas que desexen participar na actividade deberán inscribirse previamente enviando un correo electrónico ao seguinte enderezo web: secretaria_general.pontevedra@correo.gob.es, indicando nome, apelidos, DNI, teléfono, enderezo electrónico e profesión.
A actividade enmárcase no programa de actividades organizado pola Subdelegación do Goberno en Pontevedra polo Día Internacional das Mulleres (8M), ao abeiro do cal tamén está prevista a posta en marcha do primeiro punto violeta nas oficinas do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) da provincia, a colocación dunha pancarta e a lectura da declaración institucional do Goberno con motivo do 8M por parte do estudantado da provincia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario