23 de feb. de 2024

O ROSAL

A calidade de vida e unha conciencia sostible, puntos fortes para deseñar o Plan de Acción Local da Axenda 2030 do Rosal  

 O Concello presentou a tecido asociativo e veciñanza a diagnose do municipio, para a que se recadou información de case 400 enquisas e numerosos grupos de traballo   

 

O Concello celebrou un encontro con case 40 veciños e veciñas e representantes de tecido asociativo, económico e social para presentar a diagnose que servirá de punto de partida para deseñar as medidas do futuro Plan de Acción Local para o municipio

Foto: C.O.R.


Infogauda / O Rosal  

 O Rosal continúa avanzando para deseñar un plan estratéxico para a localización, implementación e seguimento da Axenda 2030 adaptada á realidade rosaleira. O Concello celebrou un encontro con case 40 veciños e veciñas e representantes de tecido asociativo, económico e social para presentar a diagnose que servirá de punto de partida para deseñar as medidas do futuro Plan de Acción Local para o municipio. 

 “A Axenda 2030 pode parecer algo abstracto, pero non deixa de ser unha parte importante dos vimbios cos que tecer e construír o futuro do Rosal, pensando en global pero actuando dende o local”, explicou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, durante o encontro. A rexedora salientou que o Plan de Acción permitirá “vertebrar todos os sectores e modular toda a dinámica social para construír o futuro dende a orixe todas e todos xuntos”. 

 Tras meses de traballo e información recadada a través de case 400 enquisas e encontros con diversos grupos de traballo, a diagnose recolle a fotografía da situación actual do Rosal e dá unha perspectiva de cara a onde se debe ir, un camiño que se traducirá no plan de medidas que se presentará nas vindeiras semanas á veciñanza. Dividida en cinco grandes bloques temáticos (modelo urbano e mobilidade, desenvolvemento económico e innovación, reto demográfico e benestar social, medio ambiente e enerxía e gobernanza e participación cidadá), a diagnose recolle as debilidade, ameazas, fortalezas e oportunidades do concello de cara ao futuro. 

 A alta percepción da calidade de vida, o propio tecido asociativo ou a elevada conciencia social, que fai que a gran maioría da veciñanza pense nun concello sostible, son algúns dos eixos que vertebran as fortalezas do Rosal. Durante a recollida de datos tamén se destacou a importancia da aposta pola sostibilidade e a participación cidadá, o apoio ao tecido deportivo e cultura e a creación de espazos de convivencia e lecer convértense tamén en eixos moi destacados por todas as persoas participantes. Igualmente, o estudo revela a importancia de empregar potencialidades do concello como ser un referente en materia de igualdade, dispoñer dun gran potencial turístico ou fomentar a riqueza paisaxística, climática, agraria, medioambiental, patrimonial ou etnográfica. 

 Pola contra, o traballo recolle unha sorte de debilidades ou ameazas a ter en conta para deseñar un plan de acción que remate coas diferentes eivas detectadas, entre as que destacan a falta de conectividade dixital e os problemas de mobilidade nun municipio moi disperso, a falta de relevo xeracional en diferentes aspectos, a inexistencia dun plan director centrado no turismo ou a falta dun polígono industrial como no que xa se está traballando para atraer empresas e reter talento.  

 Tras a presentación do estudo, o Concello abre un novo período de consulta e validación da diagnose para a presentación de propostas e medidas de cara á elaboración do Plan de Acción Local da Axenda 2030. As persoas interesadas poderán atopar na web municipal o informe completo, un resumo da diagnose e un formulario no que deixar as súas achegas e suxestións. 

 O obxectivo do Concello do Rosal é deseñar un plan de acción que funcionará como ferramenta de planificación estratéxica coa que establecer actuacións que permitan incorporar os ODS adaptados á realidade do municipio, unha liña na que o Goberno municipal leva anos traballando. Búscase así continuar avanzando na loita contra o cambio climático, camiñar na transición cara a economías baixas en carbono, mellorar a eficiencia enerxéticas, procurar unha economía circular e construír unha sociedade máis xusta e igualitaria. 

 O Concello contou para este proxecto coa subvención da Secretaría de Estado para la Agenda 2030 del Ministerio de Derechos Sociales y Agenda 2030 destinada á posta en marcha de accións para o impulso da Axenda 2030 nas entidades locais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario