29 de feb. de 2024

GALIZA

O Sergas gasta un millón de euros ao mes para favorecer a sanidade privada 

 A CIG denuncia que a Xunta aplica os cambios no complemento específico, que negociou cos lobbys médicos, sen pasar pola mesa sectorial 


Sede do SERGAS
Foto: CIG

Infogauda / Galiza 

 A GIG-Saúde denuncia que a través da Orde de Confección de Nóminas do ano 2024 a Consellería de Sanidade incrementa o salario do persoal facultativo que, ademais de traballar na sanidade pública, o fai na privada, aumentando o seu soldo nun valor equivalente ao 80% do complemento específico que até agora só retribuía a dedicación exclusiva na sanidade pública. 

 Segundo explican dende a central sindical, o custo desta medida será dun millón de euros ao mes, “un diñeiro de todos/as os galegos/as que tería que destinarse a financiar a nosa sanidade pública, pero que logo desta decisión vaise destinar a favorecer os intereses da sanidade privada”. Uns cartos cos que se poderían reforzar os cadros de persoal, reducir as listas de agarda e mellorar a calidade asistencial na sanidade pública. 

 Ao mesmo tempo, critican o feito de que a modificación do complemento específico só se lle vai a aplicar ao persoal estatutario facultativo do sistema público de saúde, tal e como se recolle na Orde de Confección de Nóminas, “co que se discrimina a outros colectivos profesionais con salarios próximos ao salario mínimo, que se verán obrigados a renunciar ao complemento específico completo no caso de  compatibilizar o seu traballo na pública e na privada”. 

 A CIG-Saúde considera que a dedicación exclusiva é positiva para o sistema sanitario público e debe ser mantida e potenciada como unha forma de retribuír os profesionais que opten por ela, polo seu compromiso de só traballar na sanidade publica. 

 Por iso defende que a dedicación exclusiva na sanidade pública debe retribuírse adecuadamente, xa que facilita que o persoal médico do sistema sanitario público dispoña de máis tempo para a súa actualización profesional e, sobre todo, permite evitar o potencial conflito de intereses que se orixina cando un médico/a da sanidade pública traballe tamén na sanidade privada. “Este conflito de intereses é especialmente evidente cando falamos de postos de xefaturas”, rematan. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario