ATLETISMO
ÁLEX SIERPES PEREIRA FÍXOSE CO SUBCAMPIONATO DE GALICIA SUB 18
• Na proba de 1.500 m., no XXIX Campionato Xunta de Galicia de Pista Curta
Sociedade Atlética do Trega / Redacción Deportes
Álex Sierpes Pereira, compoñente da Sociedade Atlética do Trega, vén de participar no XXIX Campionato Xunta de Galicia Sub18 en Pista Curta, celebrado o domingo día 11 de febreiro, na pista de atletismo cuberta de Ourense.
Sendo novel na súa categoría, Álex Sierpes, cun rexistro de 4:02.50, fíxose co subcampeonato galego Sub18 nos 1.500m. Unha proba de moito nivel, quizais a máis esperada do devandito campionato, xa que tiña en liña de saída nada menos que 6 atletas con mínimas obtidas para participar no nacional de pista cuberta, onde predicía unha final de infarto. E así foi, xa que o noso atleta cedeu tan só ante un enorme Iker Fernández Codesido, que cun rexistro de 4:01.83 nun man a man nos últimos 400 metros, fíxose co liderado. E pechando o pódium, o coruñés Manuel Campello Carballo, do noso filial da tempada 2024 - o Club Atletismo Naró -, con 4:05.72.
Destacar que nesta proba había 4 compoñentes, que en Xetaxe conseguiron ser subcampións de cros coa selección galega, onde o céltico Asheber Díaz Fernández, actual campión de España de Cros apenas hai 15 días, quedou atrasado á quinta posición cun rexistro de 4:07.53 moi lonxe do pódium.
Felicidades Álex!
Ningún comentario:
Publicar un comentario