12 de xan. de 2024

VIGO

Preacordo asinado entre o comité e Vitrasa será sometido ás asembleas de traballadores/as 

 O cadro de persoal deberá decidir tamén se se suspende a folga indefinida e as mobilizacións previstas 


Foto: CIG

Infogauda / Vigo 

 O comité de Vitrasa e a dirección da empresa asinaron onte un preacordo que suporía a desconvocatoria da folga indefinida e das mobilizacións previstas no caso de que o cadro de persoal da concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo aceptase en asemblea as propostas da compañía, o que permitiría abrir unha nova fase no proceso de negociación. As consultas aos traballadores/as terán lugar este mesmo venres 12 ás 10:00 e as 16:00 horas nas instalacións da estrada de Camposancos.  

 Na xuntanza celebrada onte Vitrasa accedeu a retirar as sancións impostas a traballadores/as e representantes sindicais e ofreceu un 2,5% de suba salarial para o ano 2023, “que aínda se podería negociar á alza, de igual xeito que os anos anteriores pendentes (2021 e 20122)”. Tamén quedaría por establecer o incremento de soldos a partir de 2023 e durante os anos de duración do convenio que se acorden polas partes.  

 Segundo explican dende o comité, a empresa permitiría tamén o cambio de descanso e de quenda entre compañeiros/as sempre que non se incumpra o descanso mínimo legal e aumentaríalle o plus de nocturnidade ao persoal de taller.   

 As seguintes xuntanzas entre Vitrasa e o comité celebraranse coa mediación do Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo (AGA), para o que é preciso que a folga fique desconvocada. “Démoslle á empresa un prazo de tres semanas para comprobar se se producen avances, e en caso contrario volveríanse a convocar mobilizacións, aínda que dirección mantería a oferta trasladada no día de hoxe [por onte xoves]”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario