21 de xan. de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Guardés nota o cansazo e volve caer na liga (20-22) 

O Mecalia non logrou dominar o xogo en ningún momento da visita ligueira do Grafometal La Rioja deste mércores á Sangriña 

As de Ana Seabra estiveron desacertadas durante todo o encontro, marcando apenas sete goles na primeira parte e pecando de moitas perdas que deron ás ao rival. A defensa da portería de Geandra Rodrigues, ademais, foi un obstáculo moi importante 

Rosane Serrano e Elena Martínez, con cinco goles cada unha e esta última con tres acertos de penalti, lideraron o ataque; mentres Sabina Mínguez limitou danos baixo paus 


María Sancha, capitá do Mecalia Atlético Guardés, lanzando á bóla en dirección a porta defendida por Geandra Rodrigues
Foto: SportCoeco

Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés loita, pero volve caer. As de Ana Seabra lamentaron este mércores a súa terceira derrota ligueira da tempada e a primeira na Sangriña ante o Grafometal La Rioja, que chegaba despois dun encontro moi complicado a varios niveis. Non pareceron cómodas as anfitrioas en ningún momento do xogo, pecando de numerosas perdas de balón e outros erros non forzados que daban ás a un rival moi atento e con menos que perder. A defensa da portería dunha Geandra Rodrigues implacable, ademais, frustrou moitas das oportunidades que o Guardés tivo de achegarse no marcador. E aínda que destacaron Rosane Serrano e Elena Martínez, con cinco goles cada unha, mentres Sabina Mínguez ocupábase de controlar danos baixo paus, non foi un partido reseñable para un persoal que parece notar as consecuencias do alto ritmo competitivo, e que concentra agora esforzos no reto europeo da fin de semana. 

 O marcador tardou case tres minutos en inaugurarse, momento en que María Palomo transformou o primeiro ataque exitoso do Guardés. Ambos os equipos saíron á pista cunha certa inseguridade motivada por defensas bastante pechadas, que provocaban pases moi arriscados e varios erros non forzados como consecuencia. As de Ana Seabra sumaron tres perdas de balón no primeiro parcial de cinco minutos, fronte a un Grafometal que tampouco atopaba confianza no seu xogo de ataque (1-0, min. 5). 

 Un segundo acerto de Lorena Téllez pouco despois parecía que empezaba a conducir o encontro. As visitantes, pola súa banda, estreáronse entón da man de Mina Novovic desde os sete metros, quen repetiu a faena á ocasión de xogo seguinte despois de tentar penetrar na defensa guardesa xa nos minutos anteriores. O marcador anunciaba as primeiras táboas (2-2, min. 7).  

 O tempo corría e a mesma tónica mantíñase, con ambos os conxuntos cometendo bastantes erros no xogo de ataque, e atopándose agora tamén con Sabina Mínguez e Geandra Rodrigues en senllas porterías para frealos cada vez que lograban chegar a elas. Tivo que esperar o encontro ao minuto 11 para ver cambios no marcador, que chegaron da man de Blanca Benítez en penalti e seguiron cun tiro directo de Mina Novovic tras unha falta. O Guardés só tivo oportunidade de reaccionar tamén desde a liña de sete metros, pero Rosane Serrano mandouna ao poste e Rodrigues encadeou parada tras parada para poñelo aínda máis difícil. Un último acerto de Lorena Pérez desde o extremo foi a pinga que colmou o vaso para que Ana Seabra parase o tempo e tentase reconducir un partido que as súas xa perdían por tres goles (2-5, min. 16). 

 Téllez encaixou un mísil de penalti á continuación e parecía que as anfitrioas comezaban a reaccionar, ofrecendo unha defensa algo máis atenta e concentrada nos minutos seguintes. Pero o extremo logroñés volveu atacar e enganou a Mínguez cunha vaselina, mentres a súa propia porteira contaba xa sete paradas cruciais para o estado do partido (3-6, min. 18). Por todo iso, non logrou despegar o equipo baixomiñoto, senón que seguiron sucedéndose os cambios complexos que xeraban perdas e os goles seguiron chegando a contagotas, nas poucas ocasións en que Rodrigues permitíao. A pesar de varias actuacións notables nos minutos finais desta primeira metade, o Guardés tería que superar a mesma renda de tres goles á volta do descanso (7-10), non sen corrixir o xogo errático que viña demostrando ata ese momento. 

 Pero non saíu a continuación segundo o esperado, pois o anfitrión tardou tres minutos en anotar o seu primeiro tanto, que chegou despois doutro acerto inaugural das rioxanas (8-11, min. 35). O Mecalia debía espertar canto antes se quería pechar a xornada con algún punto, e tiña agora en varias perdas do Sporting La Rioja a oportunidade perfecta para facelo.  

 Unha estratexia de ataque a 7 con potería baleira de Ana Seabra enfocábase neste camiño. María Sancha lograba coroar o ataque por fin e Elena Martínez recuperaba o acerto desde os sete metros, e o Guardés poñíase así a distancia mínima por primeira vez desde o comezo do partido (10-11, min. 38). Luismi Ascorbe parou o tempo e freou a crecida local, permitindo que as súas se recuperasen con acertos puntuais que valían moito. Aínda que o certo é que as anfitrioas si que lograran superar o abismo psicolóxico que as viña bloqueando, pois minutos despois a mesma situación repetiuse, con Elena anotando o penalti da distancia mínima de novo (12-13, min. 40). 

 O tira e afrouxa seguiu e lateral de Mislata chegou a marcar un terceiro desde a mesma liña para evitar que as súas se desenganchasen (14-15, min. 43). Mantívose preto o Guardés durante moitos minutos, freado por unha Gendra Rodrigues que seguía sumando paradas sen perdoar nin unha, e que chegou a ser a única responsable de frustrar a ocasión de empate varias veces. Pero o Mecalia non puido aguantar e pronto volveu perder terreo, un terreo moi valioso a falta de pouco máis de dez minutos para terminar, tras un parcial 0-4 demoledor para o seu destino (14-18, min. 48). Ana Seabra volvía parar o tempo e implementar cambios, pero faría falta un lavado de cara total para dar a volta á situación de partido. 

 E o lavado non chegou. O Guardés tentouno sen parar, chegando a encadear algunhas accións interesantes pero, no fondo, cometendo os mesmos erros non forzados que non lle permitiron aproveitar a superioridade do ataque a sete como para manter as súas opcións en ningún momento. Pareceu ver a luz A Sangriña no últimos tres minutos, cando Serrano marcou, anotou outro penalti na xogada seguinte e Sancha seguiuna cun acerto a portería baleira que deixaba aberto o minuto final do xogo (20-22, min. 59). Mantiveron a presión a matar as de Ana Seabra, pero o Grafometal defendeuse e estirou o tempo todo o que puido. Non logrou certificar a remontada o Guardés e o partido pechouno a enésima parada dunha Geandra Rodrigues que foi a indiscutible protagonista da vitoria rioxana; mentres o Mecalia suma a súa terceira derrota da tempada e a primeira en casa. A mente, posta xa no reto europeo desta fin de semana en Italia.  

Mecalia Atlético Guardés (7+13): Elena Martínez (5), María Sancha (1), María Palomo (1), Lorena Téllez (4), Jazmín Mendoza, Ania Ramos (1), Sabina Mínguez (p.) [sete inicial], África Sempere (1), Blazka Hauptman (2), Cecilia Cacheda, Rosane Serrano (5), Carme Castro, Amandine Balzinc (p.), María Español e Melina Rodríguez (p.). 

Grafometal La Rioja (10+12): Paula Milagros, Geandra Rodrigues (p.), June Loidi (1), Mina Novovic (9), Garoa Sarrionandia-Ibarra (6), Sarai Samartín, Blanca Benítez (3) [sete inicial], Maitane Larrayoz (p.), Lucía Chumillas, Lorena Pérez (2), Fernanda Luján (1), Paula Morales, Sofía Rivadeneira, Liza Somogyi, Karia Sidibe e Andrea Loscos. 

Marcador cada cinco minutos: 1-0, 2-2, 2-4, 3-7, 4-8, 7-10, 8-11, 11-13, 14-15, 14-18, 16-21, 20-22. 

Árbitros: Alejandro Hoz e Axel Riloba. Amoestaron con tarxeta amarela á visitante Branca Benítez e excluíron con dous minutos ás visitantes Sarai Samartín (2), Karia Sidibe e Paula Milagros. 

Incidencias: Partido de décimo sexta xornada da liga Guerreras Iberdrola 2025/2026, disputado no pavillón da Sangriña (A Guarda). Antes de comezar gardouse un minuto de silencio en memoria de María del Camino López e Juan Andrés Conde, dous socios do club baixomiñoto falecidos recentemente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario