6 de maio de 2023

TURISMO

‘BLOGUEIROS’ E ‘INFLUENCIADORES’ DE VIAXES NÁMORANSE DO RÍO MINHO  

 Catro creadores de contido que suman máis de 155.000 persoas seguidoras visitaron adegas, fixeron cicloturismo e coñeceron o patrimonio miñoto, para divulgar o territorio como destino en redes    

 Este luns ábrese a inscrición para as actividades de sendeirismo e caiac do domingo 14 de maio en Tomiño e O Rosal dentro do programa ‘Vive o Rio Minho’  


‘viaxe en familia’ para as persoas prescriptoras está incluido dentro das actividades ‘Vive o Río Minho’ organizadas pola Deputación
Fotos: D.PO.


Infogauda / O Baixo Miño / Alto Minho

 As persoas autoras dos blogs de viaxe ‘Una idea, un viaje’, ‘Un viaje creativo’, ‘Alvientooo’ e ‘Vigopeques’, sitios que superan as 155.000 seguidoras, fixeron esta semana un percorrido polo territorio miñoto co fin de dalo a coñecer como destino turístico de natureza e familiar dentro da estratexia de divulgación do espazo transfronteirizo posta en marcha dende a Deputación de Pontevedra e o AECT Rio Minho.   

 Participaron na iniciativa Alberto Ribas, coñecido como ‘Alvientooo’, finalista en diferentes premios estatais de ‘influencers de turismo (preto de 48.500 persoas seguidoras); Daniel Keral, responsable de ‘Un viaje creativo’, unha web que recibiu o Premio Internacional de Comunicación Turística en 2017 como mellor blog de revelación de viaxes (case 16.500 perosas seguidoras); Eva Aval, encargada de ‘Una idea de viaje’ e colaboradora de diferentes revistas e na páxina ‘Hostelworld’ (preto de 31.000 persoas seguidoras); e Begoña Estévez, de ‘Vigopeques’, un dos blogs de referencia para as familias con crianzas á hora de planificar saídas e viaxes (con preto de 50.000 persoas seguidoras).  

 A impresión ante o potencial do territorio do Miño foi completa e moi satisfactoria pola súa diversidade, polo que as e os prescriptores publicarán contidos nos seus blogs e nas súas redes para compartir a experiencia e recomendar a visita tanto a persoas que opten polo destino de natureza, polo de gastronomía, ou polas posibilidades patrimoniais accesibles.  


Ruta de sendeirismo pola senda dos pescadores no Baixo Miño

 

 A  ‘viaxe en familia’ consistiu nunha ruta de sendeirismo pola senda dos pescadores no Baixo Miño guiada e interpretada por persoal da empresa Xeitura. Tamén se incluíu un petisco e unha degustación na adega Señorío de Rubiós, ademais dun pequeño paseo e comida por Monçao, despois da que se fixo un percorrido en bicicleta pola ecovía entre Monçao e Valença do Minho cunha visita á Torre de Lapela. Para rematar tamén houbo unha visita guiada a Caminha, non podendo ser posible por dificultades de última hora a visita ao Forte da Ínsua.  

 O deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez salientou que estas iniciativas de potenciación do territorio a través de persoas prescriptoras atraen turismo de calidade como o que busca a marca ‘Rio Minho’. “Os turismos de natureza teñen moito futuro e é preciso posicionarse tanto para as potenciais visitas de proximidade como para xente que chegue máis de lonxe”, apuntou, sinalando a aposta por crear un produto non masificado, de calidade, a medida, e alternativo.   

 A ‘viaxe en familia’ para as persoas prescriptoras está incluido dentro das actividades ‘Vive o Río Minho’ organizadas pola Deputación dentro do programa homónimo financiado con fondos europeos do Interreg, polo que tamén se realizou a camiñada do pasado domingo 30 de abril entre Vila Nova de Cerveira e Goián (Tomiño).  

 A vindeira actividade, xa aberta de novo ao público, terá lugar o domingo 14 de maio e terá lugar en Tomiño e O Rosal, cunha proposta de ruta de sendeirismo pola chamada Senda dos Pescadores, para facer despois o treito inverso en caiac polo río. Ambas rutas estarán guiadas e interpretadas, discorrendo por unha paraxe natural e cultural de moita beleza. A xornada ocupará o día completo, dende as dez da mañá ata as 19.30 horas. As inscricións estarán abertas dende o 8 de maio na web da Deputación de Pontevedra. 

GONDOMAR

Hoxe na presentación da candidatura do PP de Gondomar, na que tamén participaron Paula Prado e Julio García Comesaña.  

Luis López destaca que Paula Bouzós conseguirá un Gondomar de 10 tanto pola súa xestión como polo seu compromiso con todas as parroquias do concello  

Paula Prado lembra que “votar ao PSOE de Paco Ferreira é votar a Pedro Sánchez e ás súas políticas”, como a lei que rebaixou a pena de cárcere a máis de 1.000 agresores sexuais. 

A candidata destaca que “temos a oportunidade de recuperar o Gondomar que merecemos, cun goberno aberto e dialogante que se preocupe das necesidades dos veciños, e para iso precisamos da axuda de todos”.  


 Paula Bouzós - no centro - con  Paula Prado, Luis López, Fátima Granja e Julio García Comesaña, na presentación da candidatura do PP de Gondomar


Infogauda / Gondomar

 O presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, asegurou que o gran ambiente que se respira en Gondomar demostra que hai gañas de cambio, “e hai só unha persoa, un equipo e un partido que pode facelo: o Partido Popular liderado por Paula Bouzós”.  

 Foi durante a presentación da candidatura do PP ás eleccións municipais do 28 de maio. López asegurou que os veciños teñen “a oportunidade de conseguir entre todos Un Gondomar de 10, non só pola calidade na súa xestión , senón tamén porque o compromiso de toda esta candidatura é traballar de xeito igualitario en todas e cada unha das parroquias”.  

 Nesta liña, recordou que “en maio o que está en xogo é o futuro de Gondomar. Son as eleccións máis importantes para os nosos concellos. A política local é a que transforma o concello no que vivimos. Por iso é tan importante elixir ben, apostar por proxectos serios, por equipos que traballen, que teñan ilusión e ideas. Por persoas que empaticen e entendan as nosas preocupacións e, sobre todo, por partidos que resolvan”.  

 Non como ocorre agora en Gondomar, engadiu, “cun goberno acomodado, desgastado, ao que lle gusta pouco dar explicacións da súa xestión. No que hai moita improvisación e falta planificación. Un goberno socialista que atende só no centro, tratando de veciños de segunda aos que viven fóra del...”.  

 Para conseguilo, pediu a colaboración de todos. “Pídovos que axudedes a Paula a conseguir a alcaldía de Gondomar. Se nos implicamos todos, seguro que o logramos”.  




PRONTO GOZARÁ DA FORMA DE GOBERNAR DO PP 

 Pola súa banda, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, asegurou que Paula Bouzós “ten que ser a próxima alcaldesa”, porque Gondomar “non pode seguir así: a remolque doutros concellos, vivindo das rendas do que foi e cun Goberno socialista conformista, carente de ambición e máis centrado en si mesmo que en solucionar os problemas reais dos seus veciños”.  

 Neste sentido, lembrou que “votar ao PSOE de Paco Ferreira é votar a Pedro Sánchez, porque todos os candidatos do PSOE que se presentan, por moito que queiran desvincularse ou agochar as súas siglas, son delegados do sanchismo”.  

 “Son cómplices do Tito Berni, das corruptelas, de poñer a Xustiza aos intereses dos independentistas. E o máis grave: cómplices da Lei do ‘si é si’, que fixo de Pontevedra unha das provincias con máis agresores sexuais que viron rebaixada a súa pena de cárcere máis de 1.000 en toda España—”, dixo a número dous do PPdeG.  

 Por último, adiantou que este concello pronto “gozará da forma de gobernar do PP”, poñendo como exemplo diso a Nidia Arévalo en Mos, Alejandro Lorenzo no Porriño ou Cristina Correa en Oia. “Unha forma de gobernar con estabilidade, con rigor, con xestión e con sentidiño; como tamén fan Alfonso Rueda na Xunta e como moi pronto fará Alberto Núñez Feijóo en España”, concluíu.  

“TEMOS MOI PRESENTES AS PREOCUPACIÓNS DOS VECIÑOS” 

 Tamén a candidata Paula Bouzós incidiu en que Gondomar necesita un cambio, “e creo firmemente que con traballo, coas ideas claras e con esforzo podemos conseguir un futuro mellor, un Gondomar de dez”. Así afirmou que ten moi presentes as preocupacións dos veciños, entre as que se atopan “a necesidade dun PXOM que aporte seguridade aos nosos fogares, o saneamento en todas as parroquias, a dinamización do comercio local, o tecido asociativo, o deporte, a cultura e a educación e por suposto, do noso polígono da Pasaxe”.  

 Por iso, recordou que o 28 de maio “temos a oportunidade de recuperar o Gondomar que merecemos, cun goberno aberto e dialogante que se preocupe das necesidades dos veciños, e para iso precisamos da axuda de todos”.   

 Por último, destacou que o PP presenta unha lista renovada, con gañas e ilusión e que vai ser capaz de solventar as grandes necesidades que permitan a Gondomar volver á senda do progreso e da prestación de servicios aos veciños.  

CANDIDATURA DO PP DE GONDOMAR  

1. PAULA BOUZÓS BARROS 

2. JULIO FERNÁNDEZ ALONSO 

3. JOSÉ ANTONIO RODRÍGUEZ GONZÁLEZ 

4. JAVIER PÉREZ ALONSO 

5. FÁTIMA GRANJA PAZ 

6. ÁNGEL PÉREZ DURÁN 

7. MARÍA JOSÉ ALONSO ESMERODE 

8. JOSE ANTONIO CAMESELLA RODRÍGUEZ 

9. PAULA RODRÍGUEZ PUGA 

10. CARLOS RODRÍGUEZ VÁZQUEZ 

11. MARÍA DOLORES GONZÁLEZ ALONSO 

12. BIBIANA VILA RODRÍGUEZ 

13. BEATRIZ BAS GARCÍA 

14. BRAIS FIGUEROA PÉREZ 

15. JORGE CARROZZINO MEERES 

16. MARÍA MISA CABREIRA 

17. ADOLFO CORREA CARRERA  

SUPLENTES: 

1. MANUEL ALEJANDRO LORENZO MÉNDEZ 

2. MARGARITA FERNÁNDEZ ÁLVAREZ 

3. PATRICIA PÉREZ GONZÁLEZ 

4. DAVID PINTOS FONTÁN 

5. EMILIO DIOS PÉREZ 

6. MARÍA JESÚS MARTÍNEZ CHOUZA 

7. MARÍA TERESA RODRÍGUEZ BERNÁRDEZ 

8. ISMAEL TORRES ÁLVAREZ 

9. JOSE LUIS DOMINGUEZ GONZALEZ 

10. ROBERTO CARLOS MISA AGUSTIÑO  

ENTIDADE LOCAL MENOR MORGADÁNS 

1. JUAN CARLOS ALONSO ESMERODE 

SUPLENTES: 

1. MARÍA MISA CABREIRA 

2. NICOLÁS COSTAS RODRÍGUEZ

O ROSAL

O PSdeG-PSOE do Rosal presentará á veciñanza a candidatura para ás eleccións de maio 

Será o vindeiro mércores día 10 de maio, ás 20:30h na sala de exposicións, nos baixos do Concello 




Infogauda / O Rosal

 Despois de celebrada, no pasado mes de abril, a asemblea na que foi aprobada a proposta de candidatura de cara aos comicios electorais do 28 de maio; o candidato á alcaldía do Rosal polo PSdeG-PSOE, José Carlos Martínez Crespo, dará a coñecer a candidatura a veciñanza. nun acto público que terá lugar este vindeiro mércores, día 10 de maio ás 20:30h na sala de exposicións, nos baixos do Concello. 

 Nese evento intervirán o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba; o secretario xeral provincial do PSdeG-PSOE, David Regades, e o candidato a alcaldía do Rosal, José Carlos Martínez Crespo. Estarán acompañados tamén pola familia socialista da comarca do Baixo Miño. 

 José Carlos Martínez Crespo presentará aos asistentes as persoas que integran a candidatura do PSdeG-PSOE do Rosal, “unha lista na que se conxuga experiencia, formación, compromiso, representación de parroquias e sobre todo, moita ilusión”.

 José Carlos agradece a complicidade e a aposta decidida polo cambio que precisa O Rosal nestes intres, animando á súa candidatura e ao mesmo tempo indicando: “Temos moito que facer polo Rosal. A nosa lista é o noso forte para chegar a toda a cidadanía rosaleira”. 

 Finalmente, o candidato a alcaldía do Rosal polo PSdeG-PSOE engadiu: “Temos xa un equipo listo e preparado para representar aos Socialistas do Rosal de cara aos vindeiros comicios electorais de maio de 2023”. Tamén afirmou que “estas eleccións son decisivas para os socialistas e para O Rosal”.

Candidatura do Partido dos Socialistas de Galicia-PSOE (PSdeG-PSOE)

1. Don JOSÉ CARLOS MARTÍNEZ CRESPO

2. Doña JUANA ROSA MACEIRAS RIOMAO

3. Don SERGIO RODRÍGUEZ RODRÍGUEZ

4. Doña LAURA GONZÁLEZ GONZÁLEZ

5. Don FRANCISCO ALONSO PORTELA

6. Doña DIANA ALONSO CHAVER

7. Don MIGUEL ÁNGEL RODRÍGUEZ VELASCO

8. Doña SILVIA RODRÍGUEZ DURÁN

9. Don LUIS GIRÁLDEZ GIRÁLDEZ

10. Doña MARÍA CONCEPCIÓN ALONSO RODRÍGUEZ

11. Don VICTORIANO RODRÍGUEZ GONZÁLEZ

12. Doña MARÍA DE LOS MILAGROS LORES TORRES

13. Don JOSÉ MANUEL GÓMEZ CAMPOS

SUPLENTES

1.Don JOSÉ LUIS GÓMEZ TRIGO 

OIA

FESTAS NA HONRA A VIRXE DO CARME, PENTECOSTÉS E VIRXE DO MAR    

Os días 27, 28 e 29 de maio de 2023




TUI

Andrea Zermeno e David Quinteiro amosan a súa obra na Sala Municipal 

 Na mostra de fotografía, pintura e debuxos “Donde Nunca TuiYo”


A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, acompañou a Andrea Zermeno e David Quinteiro, na apertura da mostra
Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 Andrea Zermeno e David Quinteiro amosan, até o 1 de xuño, na Sala de Exposicións Municipal, no edificio Francisco Sánchez, a mostra “Donde nunca TuiYo”. A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, acompañou a Andrea Zermeno e David Quinteiro, na apertura da mostra.  

 Estes dous novos artistas tudenses ofrecen unha novidosa exposición que mestura fotografía, pintura e debuxos. “Donde nunca Tui” é un proxecto de deformacións fotográficas. Os autores sinalan que a mostra conta “cun guión dividido en tres actos: fotografías, óleos que as teatralizan e debuxos como produto de converxencia, facendo unha chiscadela ao rexeitamento polas artes absurdas da expresión máis nocturna”.  Engaden que “son escenas compostas de terra e vidro. Lugares e persoas que só existen na cámara de Andrea e no pincel de David. A través da linguaxe pictórica David emprega as fotografía de Andrea mantendo un mimetismo visual pero alterando para iso texturas ou formas e cores. Outras obras son doutras etapas pero enlazan perfectamente dentro da dialogo establecido. Os debuxos xorden como complemento facendo un conxunto máis amplo e compacto”.  

 A concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente Solla, sinala que esta exposición que recolle esta proposta de Andrea Zermeno e David Quinteiro expresa a aposta do Concello de Tui pola promoción e apoio aos novos artistas da nosa cidade e contorna para que poidan amosar a súa produción artística, neste caso mesturando fotografía, debuxos e pintura nunha fórmula que resulta de grande interese e atractivo.  

A exposición “Donde nunca Tuiyo” pódese visitar ao longo deste mes de maio na Sala de Exposicións Municipal, en horario de luns a venres de 9 a 14 h e de 16 a 21 h e os sábados de 9 a 13 h.

GONDOMAR

CHARLA SOBRE A CUSTODIA DO TERRITORIO AO REDOR DA CARPETA DE GRAVADOS

GANA DE SIMETRÍAS

 O día 12 de maio, ás 20:30 horas, na Aula Ponte de Rosas (Avda. da Feira - Gondomar)



IEM / Gondomar

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA ACTIVA 2,5 MILLÓNS EN POLÍTICA SOCIAL EN COOPERACIÓN COS CONCELLOS E COAS ENTIDADES DA PROVINCIA 

 Un total de 2,3 millóns destínanse ao Plan de Cofinanciamento de Servizos Sociais Comunitarios, que permite aos concellos de menos de 20.000 habitantes sufragar os gastos do Servizo de Axuda no Fogar e aos custos de persoal dos servizos sociais


Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra
Foto: D.PO.


Infogauda / Pontevedra

 A Deputación vén de mobilizar 2,5 millóns de euros en accións dirixidas aos concellos en materia de política social, destinados ao Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais nos 51 concellos de menos de 20.000 habitantes, así como ao programa provincial Depo en Marcha, do que se beneficiarán 130 asociacións da provincia.  

 No Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais, a institución provincial pon a disposición dos concellos a cantidade de 2,3 millóns de euros, dos que 1,2 millóns (1.225.193€) son para sufragar a prestación directa do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e os restantes 1,1 millóns (1.131.709€) para os custos do persoal dos Servizos Sociais Comunitarios. Como explicou a presidenta provincial, Carmela Silva, o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) “atende a maiores con déficits de autonomía e a persoas con discapacidade, amais de dar unha resposta preventiva e socializadora a familias en risco de exclusión”. No caso do persoal, fináncianse a contratación de persoas traballadoras administrativas e tituladas medias e superiores dos Servizos Sociais Comunitarios destes concellos, entre os que se inclúen os profesionais do Servizo de Educación e Apoio Familiar.  

 Por comarcas, O Salnés recibirá no conxunto do plan 511.259€, repartidos do seguinte xeito: Cambados (47.163 €), Catoira (21.337 €), O Grove (65.235€), A Illa (21.014€), Meaño (55.042€), Meis (37.239€), Pontecesures (27.681 €), Ribadumia (29.296€), Sanxenxo (80.374 €), Valga (43.939 €), e Vilanova (82.939€). Pola súa banda, a de Pontevedra suma 419.214€, cos concellos de Barro (31.591€), Caldas (50.907 €), Campo Lameiro (25.317 €), Cuntis (47.535€), A Lama (33.838€), Moraña (23.577 €), Poio (90.550€), Ponte Caldelas (52.946 €), Portas (35.821 €) e Vilaboa (27.132€). No caso da comarca do Deza, percibirá 239.582€, co seguinte reparto: Agolada  (50.632€), Dozón (34.360), Rodeiro (32.899€), Silleda (60.847€) e Vila de Cruces (60.844€). E Terra de Montes 98.620, dos que 59.534€ corresponden a Cerdedo-Cotobade e os restantes 39.086€ a Forcarei.  

 No que atinxe á comarca de Vigo, a contía suma 214.731€, distribuídos nos concellos de Fornelos (18.889€), Mos (80.864€), Pazos de Borbén (24.094), Salceda (60.262€) e Soutomaior (30.622 €). No caso do Val Miñor, recibirá 189.610 euros, que se repartirán entre Baiona (51.614€), Gondomar (56.882€) e Nigrán (81.114€) e, no do Baixo Miño, serán 244.689€, para A Guarda (59.866€), Oia (12.020€) O Rosal (33.861), Tomiño (59.042€) e Tui (79.900€). Amais, O Condado recibirá 168.434 euros, entre Mondariz (56.079€), Mondariz-Balneario (22.697€), As Neves (36.733€), e Salvaterra (52.925€) e a comarca da Paradanta 137.915€, distribuídos deste xeito: Arbo (12.786€), A Cañiza (55.846€), Covelo (36.387€) e Crecente (32.896€). Por último, O Morrazo suma 132.833€, dos que 51.786€ corresponden a Bueu e 81.047€ a Moaña.  

Depo en Marcha  

 Na Xunta de Goberno vén de aprobarse o listado das 130 asociacións de 45 concellos ás que se conceden as actividades formativas (tamén 130, unha por asociación) das que consta o programa provincial Depo en Marcha cun orzamento de 146.000 euros. Esta iniciativa, como subliñou Carmela Silva, está dirixida a asociacións de persoas maiores, xubiladas e pensionistas da provincia, “para favorecer o envellecemento activo con obradoiros que son espazos de encontro e intercambio de experiencias, fomentar a independencia e evitar illamento e soidade”.  As asociacións beneficiarias repártense por todas as comarcas da provincia. Na de Pontevedra serán 36, repartidas nas 23 do municipio pontevedrés; 2 en Moraña e 2 en Campo Lameiro; 4 en Caldas de Reis; 2 en Marín; 1 na Lama; 1 en Campo Lameiro e 1 en Vilaboa. No Salnés son 18 colectivos, repartidos da seguinte forma: Sanxenxo (2); Vilagarcía (7); O Grove (2); Vilanova (1); A Illa (1); Cambados (2); Meaño (1); Ribadumia (1); Catoira (1). Na comarca do Deza, son 9 as seleccionadas, distribuídas nas 3 de  Lalín; 5 de Silleda e 1 de Vila de Cruces, mentres que na de Terra de Montes suman 9, das que 5 son da Estrada; 3 de Cerdedo-Cotobade e 1 de Forcarei. Por outra banda, na comarca de Vigo son 30 as entidades beneficiarias, en concreto 10 na cidade olívica, 10 en Redondela, 1 en Fornelos, 4 en Salceda de Caselas, 3 en Mos, 1 en Pazos de Borbén e 1 en Soutomaior. No Morrazo son 7 as entidades, 3 en Bueu, 3 en Moaña 1 e en Cangas. Na comarca do Val Miñor suman 6,  con 1 en Gondomar; 2 en Nigrán e 3 en Baiona e, na comarca do Baixo Miño un total de 4, repartidas en A Guarda (1); Tui (1); Oia (1); O Rosal (1). Por último, nas comarcas do Condado-A Paradanta serán 10 as entidades beneficiarias, 6 en Ponteareas; 2 en Arbo; 1 en Crecente e 1 en Mondariz.

NIGRÁN

O CONCELLO DE NIGRÁN ESTREA A EXPOSICIÓN ‘CARICATURAS DE ANTANO’ DO ARTISTA DE PANXÓN E HOME POLIFACÉTICO EMILIO ALONSO FREIRÍA  

 Fundador do club Dunas, secretario da Confraría de Pescadores, axente xudicial no Xulgado da Ramallosa… Emilio (Panxón, 1921- A Guarda, 2021) destacou como caricaturista, xornalista, músico e gran ilustrador  

 A súa familia doou ao Concello os seus debuxos e 21 caricaturas orixinais de personaxes populares e ilustres da comarca nos anos 50, desde o futbolista ‘Nolete’ a mariñeiros como Veremundo Álvarez Trabazos, todas expostas agora por vez primeira e a maioría inéditas  

 O álbum de fotos familiar, con imaxes espectaculares de Panxón, foi cedido tamén para pasar engrosar o Arquivo Histórico Audiovisual de Nigrán  

 “É un luxo poder ofrecer esta exposición que nos retrotrae ao Nigrán dos anos 50, moitas persoas do municipio se emocionarán ao atopar aquí caricaturas dos seus familiares ou amigos xa falecidos”, subliña o alcalde, Juan González 



 

Infogauda / Nigrán

 O Concello de Nigrán inaugurou o día 25 de abril, no Pavillón Municipal de Panxón a exposición ‘Caricaturas de Antano’ do artista autodidacta e home polifacético Emilio Alonso Freiría, oriundo de Panxón (20.04.1921) e falecido precisamente o 25 de abril de 2021 (A Guarda). Trátase da vez primeira que ven a luz estes retratos orixinais de 21 personaxes ilustres e/ou populares da comarca dos anos 50 e xa falecidos, polo que o compoñente emocional desta mostra é indubidable e, por iso tamén, se fixo coincidir a inauguración co cabodano de Emilio a modo de homenaxe. Na mostra figuran perfectamente documentados desde o mariñeiro Veremundo Álvarez Trabazos ao limpabotas ‘Chorita’, o acordeonista José Manuel Gallego, o novillero ‘El perlita’ ou ilustres como Latino Salgueiro (quen foi alcalde de Gondomar), o futbolista ‘Nolete’ ou persoeiros do mundo xudicial da comarca, todos eles retratados ou caricaturizados coa máxima dignidade e respecto. A exposición, que tamén contén os seus debuxos orixinais de edificios como o Templo Votivo do Mar ou o Monumento á Mariña e algunha festa popular, estará aberta ata o 31 de maio de 9:00 a 13:00 e de 16:00 a 20:00 horas, de luns a venres, na entrada do Pavillón Municipal de Panxón, lugar elixido por ser el mesmo oriundo desta parroquia á que sempre mostrou o seu gran afecto pese a pasar boa parte da súa vida en A Guarda.  


Emilio Alonso Freiría e familiares
Arquivo familiar Emilio Alonso Freiría (Panxón)
Emilio Alonso Freiría e súa muller Luciana Román Iglesias ante a Foz do Miñor
Arquivo familiar Emilio Alonso Freiría (Panxón)

Dunas, F.C.
Arquivo familiar Emilio Alonso Freiría (Panxón)



Debuxos de Emilio Alonso Freiría

 

 Artista autodidacta e home polifacético, Freiría estivo sempre moi vinculado á vida socio-cultural deste municipio. Fundador do club Dunas, secretario da Confraría de Pescadores, axente xudicial no Xulgado da Ramallosa… destacou como caricaturista, xornalista, músico e gran ilustrador. En definitiva, “unha persoa inqueda á que lle gusta picar en todo”, tal e como el mesmo refería.  

 “É un luxo poder ofrecer esta exposición que nos retrotrae ao Nigrán dos anos 50, moitas persoas do municipio se emocionarán ao atopar aquí caricaturas dos seus familiares ou amigos xa falecidos; o legado que nos deixa é impresionante, así que esta é a nosa maneira de renderlle tributo e agradecemento”, subliñou o alcalde, Juan González, ante a súa filla Emilia, que acudíu á inauguración este mediodía xunto a outros familares e amigos de A Guarda e Val Miñor, e veciñanza de Panxón.  

 “O meu pai estaría feliz de ver esta exposición, o certo é que foi un home moi especial. Faleceu o 20 de abril de 2021 e agora estou a gozar moitísimo redescubrindo todo o seu legado, era meticuloso e perfeccionista e gardaba absolutamente todo, así que considero que é marabilloso poder compartilo coa veciñanza de Nigrán e que o Concello o preserve, gardado na nosa casa non tiña ningún sentido, o meu pai estaría totalmente de acordo”, sinala Emilia Alonso.  

 Así, o Concello recibíu o ano pasado de mans de Emilia a colección ao completo de 1934 a 1986 da revista ‘Miñor’ do Círculo Social de Baiona, Gondomar e Nigrán en Buenos Aires, entidade que lle concedeu na década dos 60 a medalla de ouro e o título de ‘Correspondente Honorario’. Todos, perfectamente encadernados en catro tomos, e que están a ser dixitalizados para poder consultalos na Biblioteca Municipal de Nigrán, onde tamén se gardarán en depósito. Igualmente, o álbum familiar da súa vida en Panxón xunto a súa muller Luciana Román Iglesias foi dixitalizado e integra xa parte esencial xa do Arquivo Histórico Audiovisual en liña ao conter imaxes espectaculares da zona das dunas e portuaria. A maiores, a familia entregou documentos como a acta fundacional do Dunas Club de Fútbol, debuxos, plumillas…  

 “O material que tan xenerosamente nos cederon é único e dun valor incalculable. Todo está a ser preservado e dixitalizado para enriquecer o noso Arquivo Histórico e para que estea a disposición da veciñanza. A colección da revista ‘Miñor’ está perfectamente conservada e reflicte a nosa historia emigrante e as caricaturas retratan personaxes populares que os maiores todavía recordan”, explica o alcalde, Juan González, quen agradece a xenerosidade da súa familia, veciña de A Guarda, onde Freiría se asentou como oficial de xustiza desde 1957 participando activamente na vida sociocultural da vila, onde lle chegaron a homenaxear oficialmente nas Letras Galegas de 1999.  

Biografía  

 Emilio Alonso Freiría naceu en Panxón o 20 de abril de 1921. Desde pequeno destacou na escola coma un estudante aventaxado pero o estalido da Guerra Civil frustrou a súa intención de entrar en Bacharelato. Para colaborar na economía familiar tivo que traballar como agricultor, viñateiro, zapateiro, administrativo nunha fábrica de conservas… Compaxinou o traballo co estudo por correspondencia para ser contable ata que no 1942 é chamado a ‘quintas’. Ali desenvolve a súa afección polo clarinete e o violín e forma parte da banda de música, paixón que nunca abandonaría. Xa no 1945 licénciase e de regreso a Panxón exerce como secretario da Confraría de Pescadores ata que comeza a preparar por libre oposicións á Administración de Xustiza obtendo praza no Xulgado de Paz de A Ramallosa. Mentras traballa aquí, prepara oposicións para Oficial de Xustiza, aprobando no 1956 e obtendo praza na Guarda, onde exerce ata a súa xubilación no 1987.  

 Na súa etapa no Xulgado de Paz de A Ramallosa Emilio exerce tamén como correspondente de Faro de Vigo, en Panxón. Desta etapa son as súas caricaturas de personaxes populares ou curiosas, moitas delas publicadas neste xornal. As súas colaboracións xornalísticas inclúen tamén El Pueblo Gallego, La Noche, Atlántico Diario,… Destacando o concesión da medalla de ouro por parte da revista da emigración ‘Miñor’ e o título de ‘Correspondente honorario’.  

 Durante toda a súa vida Freiría desenvolveu o seu gusto pola pintura e ilustración con diferentes técnicas, desde óleo a acuarela ou plumilla, pero se en algo destacou na vida foi pola súa gran implicación sociocultural nos dous municipios onde viviu, Nigrán e A Guarda. En ambos fundou asociacións deportivas, culturais, festeiras, etc. sendo recoñecido como un veciño ilustre ata o seu falecemento o 25 de abril de 2021 na súa casa de A Guarda.