5 de dec. de 2023

TUI

O PP DE TUI CRITICA A CREACIÓN DO IMPOSTO DE PLUSVALÍA POR PARTE DO GOBERNO SOCIALISTA CO APOIO DO BNG, E NÉGASE A SUBIR OS TRIBUTOS MUNICIPAIS “ATA QUE O CONCELLO NON TEÑA UN PLAN ECONÓMICO” 

▪ Os populares opuxéronse no pleno ao establecemento do Imposto municipal de plusvalía e lamentan a política económica “sen rumbo” que están a realizar os socialistas 

▪ O PP tudense consegue aprobar as súas mocións para incrementar a axuda a SOS Baixo Miño e corrixir o illamento de Bispo Salvado e Riomuíños e esíxelle ao alcalde que cumpra os acordos xa que o PSOE non apoiou estas propostas 

▪ Tamén saíu adiante a creación dunha comisión para abordar o problema do aparcamento “aínda que con escaso interese do alcalde” e a proposta, conxunta con Cx21, para crear un Centro de Información á Muller 


Nico Montes - no centro -, portavoz do grupo municipal do Partido Popular no Concello de Tui

Infogauda / Tui

 O grupo municipal do Partido Popular (PP), de Tui vén de criticar a creación do Imposto sobre o Incremento de Valor dos Terreos de Natureza Urbana, comunmente conocido como o imposto de plusvalía, a proposta do alcalde, Enrique Cabaleiro, e co apoio do BNG na sesión plenaria ordinaria que vén de celebrarse. 

 Os populares opuxéronse ao establecemento deste novo tributo, “xa que non suporía unha gran recaudación para o concello pero sí que suporía un esforzo para aquelas persoas que, por exemplo, reciban unha herdanza” e advertiron que se negarán a respaldar calquera suba de impostos municipais proposta polo executivo socialista “ata que o Concello non conte cun plan económico”. 

 Neste senso, lamentaron que a política económica municipal “avance sen rumbo e que o Concello de Tui non teña un plan acaído á realidade actual e se manexe cuns orzamentos prorrogados hai anos”. 

 Por outra banda, o PP conseguíu a aprobación das súas mocións para incrementar nun 50%, a axuda á asociación asistencial SOS Tomiño Baixo Miño ata os 12.000 euros anuais, e para corrixir o illamento e os problemas de acceso na rúa Bispo Salvado e na contorna de Riomuíños co apoio, en ambos casos, de BNG e Cx21. Por iso, e dado que o PSOE non respaldou ningunha destas propostas, advertíu de que lle van a esixir ao alcalde que “cumpra os acordos plenarios como é a súa obriga” e anunciou que estarán vixiantes para que se respecte a vontade da inmensa maioría da corporación e as necesidades dos veciños. 

 Así mesmo, o pleno tamén respaldou a moción popular para crear unha comisión de traballo, conformada polos catro grupos municipais, para abordar o problema do aparcamento no centro da cidade de Tui, “que é, sen dúbida, un dos maiores problemas desde hai moitos anos e que incluso estase acrecentando coas políticas do equipo de goberno”. O grupo municipal do PP lamentou o “escaso interese do alcalde” neste punto malia que os socialistas tamén respaldaron esta iniciativa e pediulle “proactividade e solucións” no que respecta ao estacionamento urbano. 

 Finalmente, tamén saíu adiante a moción conxunta presentada polo PP e Cx21 para a creación dun Centro de Información á Muller (CIM) malia que o BNG votou en contra, “xa que estaba máis preocupado en facer política con esta proposta presentando unha moción completamente politizada na que as mulleres de Tui non eran a súa prioridade”, que en apoiar a creación dun servizo tan necesario no noso concello. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario