5 de dec. de 2023

TUI

A música protagonista na Eurocidade Tui-Valença co concerto “Nadal de Cristal / Natal de Cristal”

 Celebrarase o sábado, 16 de decembro, ás 21.30 horas, no Teatro Municipal de Tui 


O alcalde de Tui e seu homólogo de Valença do Minho, e concelleiras, na presentación do concerto “Nadal de Cristal / Natal de Cristal”

Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 A maxia do Nadal cunha nova ponte musical encherá o próximo sábado, 16 de decembro, ás 21.30 horas, o Teatro Municipal de Tui no Concerto de Nadal da Eurocidade Tui-Valença. Baixo o título de “Nadal de Cristal / Natal de Cristal” este evento impulsado pola Cámara Municipal de Valença e o Concello de Tui reunirá no escenario a 80 músicos de 4 formacións: Kasual Quartet, Coro infantil Vocalis Contrasta, Coro da Academia de Música da Fortaleza de Valença, e Mistura Vocal. 



 

 Este espectáculo, con estética invernal, plasmará os lazos de unións entre a poboación valenciana e tudense, fundindo dúas culturas e dous países, e amosando a beleza e a fraxilidade do Nadal.  

 Así sobre o escenario estará o cuarteto de jazz Kasual Quartet coa colaboración da cantante María Joao, doce nenos e nenas do coro infantil Vocalis Contrasta, 30 cativos e cativas do Coro da Academia de Música da Fortaleza de Valenç dirixidos por Joao Azevedo e acompañados polo pianista Antonio Kent Queener e os 37 cantores e cantoras do coro Mistura Vocal baixo a dirección de Aloia Martínez.  

 “Nadal de Cristal / Natal de Cristal” conta coa dirección técnico-artística de Eva García e Juantxo García, e a dirección musical de Aloia Martínez.  

 As entradas para este concerto de Nadal da Eurocidade, están á venda desde este martes, 5 de decembro, ás 17.00 h, aos prezos de 6€ e 4,5€ a través das páxinas web tui.gal e cm-valenca.pt.

Ningún comentario:

Publicar un comentario