A exposición “Re-construíndo os soños con ladrillos” achéganos ás construcións infantís e a maquetas de monumentos tudenses
• Realizadas por Luis Arias Rodríguez, veciño de Tui
Infogauda / Tui
O Anexo da Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui acolle a exposición “Re-construíndo soños con ladrillos” unha mostra de maquetas e construción infantís realizadas por Luis Arias Rodríguez, veciño de Tui e membro da Asociación Exin Castillos y West.
Como sinala o propio modelista, “co xoguete faise historia, dicía un anuncio dos anos 70 do pasado século, e nesta mostra cos ladrillos de Exin Castillos (de patente española) podemos construír e reconstruír soños, tanto dos nenos actuais como dos que, hai ano,s fomos nenos”.
Na exposición podemos contemplar maquetas con aventuras en castelos, cos Pitufos, Shrek, Lucky Luke, fortes do Oeste americano e mesmo a irredutible aldea gala de Asterix. Una escolma que nos permite xogar e imaxinar sen límites.
Completan a exposición diversas maquetas históricas de Tui: neste caso a igrexa de San Bartolomeu, de Rebordáns, un dos fitos patrimoniais tudenses, e as escavacións arqueolóxicas no seu subsolo, datadas nos últimos tempos do Imperio Romano e nos inicios da Alta Idade Media, ou a gran cruz monumental do monte Aloia, levantada pedra a pedra, no ano 1900.
Sonsoles Vicente Solla, concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, agradece o traballo de Luis Arias na montaxe desta exposición, que está convencida resultará de interese tanto para a rapazada tudense como para os adultos que evocarán os seus xogos e xoguetes de construción, da súa infancia. Esta mostra permite achegarnos ao mundo das construcións e os xogos con Exin Castillos, pero tamén a unha parte escolmada do patrimonio cultural tudense, a través das maquetas realizadas con habelencia por Luis Arias Rodríguez.
Esta exposición estará aberta ata o 5 de xaneiro, de luns a venres de 9.00 a 14.00 h e de 15.30 a 20.30 h, e os sábados de 9.00 a 13.00 h.

Ningún comentario:
Publicar un comentario