28 de dec. de 2023

TOMIÑO

Os veciños de Forcadela xa desfrutan da súa nova senda peonil   

 O proxecto permitiu conectar a Casa dos Mestres co CRA Mestre Manuel Garcés  


A alcaldesa, Sandra González, acompañada dos concelleiros, Cristina Martínez e Agustín González, visitaron o lugar xunto con algúns representantes da Asociación de Veciños

Foto: C.T.
  

Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño ven de estrear a semana pasada unha nova senda peonil ao seu paso pola parroquia de Forcadela. Un proxecto que foi demandado pola veciñanza no Concello Escoita e que resultou da colaboración conxunta entre a institución municipal e a Xunta de Galicia.  

 Dende o Concello investiuse un total de 48.000 euros para a creación do novo itinerario, buscando non só responder a unha demanda da veciñanza senón permitindo tamén unha mellora significativa da súa seguridade e mobilidade. A senda, cunha extensión de 1.5 kilómetros, conecta diversos puntos de interese do pobo, dende a Casa dos Mestres ata as escolas do CRA Mestre Manuel Garcés. 

 Ademais, o convenio asinado coa Xunta de Galicia tamén supón o cambio de titularidade da estrada, que agora pasa a ser de responsabilidade e xestión municipal no devandito tramo da estrada PO.195 -kilómetros 0.020 a 1.530-.  

 A alcaldesa, Sandra González, acompañada dos concelleiros, Cristina Martínez e Agustín González, visitaron o lugar xunto con algúns representantes da Asociación de Veciños, destacando que “esta nova senda supón unha mellora significativa para Forcadela, creando un entorno máis seguro e accesible para todas e todos. Ademáis, temos que agradecer o apoio e colaboración continua da veciñanza para sacar adiante este proxecto”.  

 Aproveitando as datas festivas, ao encontro tamén se sumou Papa Noel, brindando un toque festivo á visita e achegándose a falar con todos os alí presentes.  

A Xunta publica hoxe no DOG o cambio de titularidade a prol do Concello de Tomiño da estrada autonómica PO-195 ao seu paso por Forcadela  

 Transfírese un treito de algo máis de 1,5 quilómetros desta vía autonómica co seu dominio público viario, incluíndo a obra de paso sobre o río do Hospital da Briña, agás os nós de conexión coa PO-552 no seu inicio e final  

 O cambio de titularidade materialízase tras executarse unha senda peonil no treito antigo da PO-552, de 390 metros pola marxe esquerda da vía  

 Co cambio de titularidade, o Concello terá a competencia para actuar nese treito da estrada e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento  

 O decreto publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia producirá efectos desde mañá

Infogauda / Tomiño

 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o decreto da transferencia a prol do Concello de Tomiño da estrada PO-195 en Forcadela.

 En concreto, transfírese o treito desta vía autonómica de algo máis de 1,5 quilómetros de lonxitude, entre o quilometro 0+020 e o 1+530, incluído o seu dominio público viario.

 O cambio de titularidade inclúe tamén a obra de paso sobre o río do Hospital da Briña, agás os nós de conexión coa PO-552 no seu inicio e final.

 Esta transferencia materialízase logo de rematar a Xunta as obras de construción dunha senda peonil ao seu paso por Forcadela.

 Coa publicación hoxe do decreto de cambio de titularidade no Diario Oficial de Galicia, o Concello de Tomiño terá a competencia para actuar neste treito da estrada PO-195 ao seu paso por Forcadela e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.

 Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación, é dicir, desde mañá.

 Na seguinte ligazón ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta transferencia, aprobada na reunión do Consello da Xunta do pasado 14 de decembro: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20231228/AnuncioG0533-201223-0002_gl.html.

Ningún comentario:

Publicar un comentario