O Concello de Tomiño expresa a súa profunda preocupación pola crítica situación da atención primaria no municipio
• Nestes momentos só hai dous médicos para os máis de 14.000 habitantes do municipio
Infogauda / Tomiño
O Concello de Tomiño manifesta a súa seria inquedanza ante a precaria situación que atravesa a atención primaria e o centro de saúde da localidade. Neste momento crítico, hai tan só dous médicos dispoñibles para atender a unha poboación de máis de 14.000 habitantes, cando a plantilla debería ser de oito profesionais.
A escasa dotación de recursos médicos e de persoal está a resultar nunha atención insuficiente e nun colapso evidente do sistema de saúde local. A situación agrávase co peche do consultorio de Goián, sobre o que non hai unha previsión de apertura clara. O local está dispoñible dende abril e o Concello segue asumindo os costes do alquiler -630€/mes- a pesar do seu continuo peche.
A preocupación do Concello tamén se reflicte na incapacidade para xestionar citas médicas, pois nestes momentos as listas permanecen pechadas ata febreiro, o que implica unha demora inaceptable na atención ás necesidades de saúde da veciñanza e un paso máis na precarización da sanidade pública.
A pesar dos continuos esforzos por parte do Concello aínda non se logrou avanzar nunha maior dotación de médicos. O Concello de Tomiño insta á Xunta de Galicia a priorizar e buscar solucións urxentes, asignando os recursos necesarios para garantir un servizo de saúde digno e de calidade. Ademais, o goberno municipal segue reafirmando o seu compromiso en traballar incansablemente a prol da sanidade pública.
Ningún comentario:
Publicar un comentario