5 de dec. de 2023

O ROSAL

Esta fin de semana volverán escoitarse os ‘Ecos do Nadal’ no Rosal  

 A Coral ‘Ecos do Folón’ actuará este domingo 10 de decembro, ás 18.00 horas no auditorio municipal acompañada do Coro ‘Cantemos’, de Salvaterra, e da Coral Polifónica ‘Vagalume’, de Oia   




Infogauda / O Rosal

 O Nadal continúa no Rosal con moita música. Este domingo 10 de decembro, ás 18.00 horas, o auditorio municipal será o escenario do XIII Concerto Coral ‘Ecos do Nadal’, unha das actuacións máis agardadas nestas datas festivas por rosaleiros e rosaleiras. Organizado pola Coral Ecos do Folón, de Fornelos, a actuación contará coa colaboración da Asociación Músico-Cultural Ecos do Folón; Concello do Rosal, Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Santa Mariña, e da Deputación de Pontevedra, a través do programa PonteGal.   

 O público poderá gozar de balde dun espectáculo no que a Coral Ecos do Folón estará acompañada polo Coro ‘Cantemos’ de Salvaterra, unha entidade nada hai máis de 20 anos co obxectivo da divulgar a música coral por medio de concertos e intercambios con outras asociacións. Contará tamén coa participación da Coral Polifónica ‘Vagalume’, de Oia, fundada en 2001. 

Coral Ecos do Folón

 A Coral Ecos do Folón naceu como asociación músico-cultural no ano 2012, con 17 compoñentes, e foi crecendo de forma paulatina ata chegar ás máis de 30 voces mixtas coas que conta na actualidade. Participante en todos os circuítos culturais, a coral organiza cada anos dous esperados concertos no Rosal, ‘Ecos de Verán’ e ‘Ecos de Nadal’. Neles amosa no escenario o seu variado repertorio, no que se inclúen temas tradicionais galegos, habaneiras, valses, boleros, cantos relixiosos, panxoliñas,..., moitos deles arranxados, compostos ou adaptados polo director da coral, Jorge Fernández González. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario