29 de dec. de 2023

O ROSAL

Os camiños do Rosal: unha viaxe visual a través do calendario do 2024  

 Nesta cuarta edición, foron os veciños e veciñas os protagonistas de capturar o patrimonio visual dos camiños do municipio 

 

Inspirado nos camiños do Rosal, este calendario é máis que unha representación do tempo, é un legado visual que conecta historias que nacen entre os recovecos dos camiños da localidade e de quen os percorre no día a día

Foto: C.O.R.


Infogauda / O Rosal

 A piques de estrear un novo ano, o Concello do Rosal volta anunciar o lanzamento do seu tradicional calendario para o vindeiro 2024. Esta iniciativa, que se consolida xa na súa cuarta edición, foi posible grazas ao compromiso e adicación de toda a veciñanza, a cal aportou unha visión única a través das súas cámaras.  

 Inspirado nos camiños do Rosal, este calendario é máis que unha representación do tempo, é un legado visual que conecta historias que nacen entre os recovecos dos camiños da localidade e de quen os percorre no día a día. Ao longo de cada mes, invítase a un percorrido visual que transcorre dende imaxes da costa ata outras das rúas máis céntricas, sendas naturais e de camiños bañados polas augas dos diferentes regatos.  

 A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, expresou o seu agradecemento a todos os veciños e veciñas que contribuiron coas súas fotografias, subliñando a importancia de preservar e compartir as experiencias que dan forma á identidade do Rosal “este calendario é unha mostra visual que reflexa a nosa riqueza cultural, paisaxística e natural, toda ela capturada por aqueles que mellor a coñecen: os propios veciños. Só temos palabras de agradecemento para todos eles”, destacou.  

 A distribución dos calendarios terá lugar durante a visita dos Reis Magos aos diferentes barrios do Concello, ao longo da mañá do día 5 de xaneiro. Ademais, o Concello solicitoulle as Súas Maxestades que deixen exemplares nos bares da Praza do Calvario, asegurando que aquelas persoas que non teñan a oportunidade de conseguilos, poidan recollelos despois de xeito totalmente gratuíto. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario