A rapazada de Oia descubre con Cristina de Pizan, o patrimonio local e historias de mulleres
Foto: C.O.
Infogauda / Oia
A rapazada de Oia vén de coñecer a Cristina de Pizan (filósofa, poetisa humanista e escritora profesional, da Idade Media, francesa, nada en Venecia), a través de diversas actividades que combinan patrimonio e igualdade. Muller do século XV considerada a primeira escritora profesional da historia, Pizan foi a autora do libro “A cidade das damas”, escrito no ano 1405 e no que reivindica a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. Ademais manter encontros coas nenas e nenos, Cristina exerceu de guía de excepción por algúns espazos patrimoniais do concello onde o traballo que desenvolveron moitas mulleres no pasado aínda se atopa presente.
Cristina visitou Oia en varias ocasións, onde puido descubrir o rico patrimonio etnográfico dos núcleos do Arrabal (Santa María de Oia) e Torroña (Burgueira) e tamén coñecer ás nenas e nenos que habitan no concello. Ela contoulles como era a vida das mulleres no seu tempo e, curiosa como é, decidiu aproveitar a ocasión para preguntarlle á rapazada cal é a situación actual. Deste xeito puideron reflexionar sobre se hai avances en materia de igualdade e que podemos facer cada un de nós para que a sociedade siga mellorando neste eido.
Estas actividades foron organizadas polo Concello de Oia co apoio das subvencións da Deputación de Pontevedra dirixidas a concellos de menos de 20.000 habitantes para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero para o ano 2023. Para o desenvolvemento do proxecto o concello financiou 1.292 euros a través das axudas provinciais e fixo unha achega de 160 euros de fondos propios.
O Arrabal e Torroña
O alumnado do CEIP Mestre Manuel García foi o primeiro en participar nas actividades con Pizan. Durante o pasado mes de novembro fixéronse encontros con Cristina e visitas guiadas por ela mesma nos barrios do Arrabal e a Riña, parando en muíños, lavadoiros, a praza de Xulia Suárez, o antigo cárcere de mulleres e algúns puntos da costa, entre outros espazos. En cada lugar, e baixo as explicacións da propia Cristina, o alumnado puido coñecer (e incluso experimentar) a dureza e sacrificio que supuñan moitos traballos tradicionalmente femininos que, pola contra, adoitaban ser moi pouco valorados.
A programación pechouse o 28 de decembro en Torroña, cun obradoiro gratuíto incluído na programación de Nadal do Concello. Por mor do mal tempo, que imposibilitou desenvolver a saída prevista polo patrimonio de Torroña, o grupo quedou nas antigas Escolas realizando distintas dinámicas e traballos manuais arredor do patrimonio e igualdade. O resultado final foi un fermoso mural como homenaxe a mulleres de distintas épocas que fixeron historia pese as dificultades e falta de recoñecemento que sufriron no seu momento. Así, a partir dunha ilustración do libro da escritora do século XV, o grupo foi construíndo toda unha “Cidade das damas” soñada por Pizan hai máis de 600 anos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario