A Cabalgata de Reis vai estrear itinerario e formato
• O percorrido arrancará ás 18:00h. dende o porto de A Guarda, para subir pola rúa Concepción Arenal ata finalizar na praza de Avelino Vicente
Infogauda / A Guarda
A piques de despedir o 2023, A Guarda prepárase para comezar a primeira semana do ano novo mantendo a programación infantil e aviando con moito agarimo a ansiada Cabalgata de Reis do día 5 de xaneiro, que neste 2024 incorporará novidades no seu percorrido e no formato.
Dese xeito, neste nadal, o percorrido da Cabalgata arrancará ás 18:00h. dende o porto de A Guarda, para subir pola rúa Concepción Arenal ata finalizar na praza de Avelino Vicente, sendo na carpa instalada nese espazo onde os Reis Magos realizarán a tradicional recepción aos nenos, para escoitar os seus desexos nesa noite tan especial para eles.
No seu percorrido, os Reis Magos serán acompañados polos grupos de gaitas do Club da Terceira Idade e Pensionistas de A Guarda e Do Lusco ó Fusco, respectivamente, así como polo grupo de baile Dansá, que amenizarán e embelecerán ese itinerario.
Co fin de favorecer a organización do tráfico e a seguridade dos asistentes que se queiran achegar, a rúa Concepción Arenal e as rúas da súa contorna terán cortes de tráfico a partir das 17.30h. Nos vindeiros días o Concello de A Guarda dará a coñecer o detalle das restricións de tráfico.
Ningún comentario:
Publicar un comentario