20 de nov. de 2023

TUI

Concienciar sobre os distintos tipos de violencia de xénero obxectivo da campaña “Non máis violencia por ser muller”

 Está promovida polo Concello de Tui con motivo do 25N, cun programa de actividades a realizar entre os xoves 23 e o xoves 30 de novembro




 Infogauda / Tui

 “Non máis violencia por ser muller” é o lema da campaña posta en marcha polo Concello de Tui, a través da concellería de Igualdade, con motivo 25N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a muller.  Dende o xoves 23 até o xoves 30 desenvolveranse distintas actividades coma o acto institucional, a acción escénica “A última cea”, o espectáculo “Ser Feminista”, o contacontos “A Selva dos Boboras”, un encontro coa xornalista, escritora e activista feminina María Xosé Porteiro, e unha mesa redonda titulada “Sexualidade, pornografía e violencia de xénero na adolescencia”. Amais contarase en Tui cun Punto Violeta.  

 A concelleira de Igualdade, Ana Núñez, explica que “se busca impulsar a concienciación sobre os diferentes tipos de violencia machista que existen e que padece a muller solo polo feito de ser muller”. Engade que “esta é unha violencia que existe e que ten diferentes expresión que temos a responsabilidade como sociedade de denunciar”.  

 A imaxe da campaña foi realizada pola ilustradora Alba Casanova, representando no corpo dunha muller o inferno no que viven as vítimas de violencia machista, e visibilizando tamén os diferentes tipos de violencia de xénero dos que as mulleres son vítimas solo polo feito de ser muller, desde a sexual, vicaria, económica, psicolóxica, física ou social.  

 A concelleira Ana Núñez, destaca que esta campaña de sensibilización vai dirixida a toda a poboación, desde os máis novos porque “é a través da educación desde onde se poderá erradicar a violencia de xénero algún día, pero tamén dirixida aos homes e mulleres de máis idade xa que é este colectivo, o das mulleres maiores de 65 anos, o que máis está sufrindo o incremento da masacre da violencia de xénero no seu circulo máis cercano, segundo os datos da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero”.

 Os actos comezarán o xoves, 23 de novembro, ás 11 h no Teatro Municipal, co espectáculo “Ser Feminista?” a cargo de Uxía Morán e Antea Rodríguez dirixido ao alumnado de Primaria.  As protagonistas son dúas adolescentes que se atopan tras o verán, e unha delas cóntalle a outra que é feminista, o que xera un debate entre o machismo e feminismo, o que xera unha crise de amizade e existencial. As dúas amigan afrontan a situación con humor, música e revolución por un futuro que non sabe aínda coma será. É un espectáculo no que se mestura o teatro, a musica, o humor, o xogo e a retranca, no que non falta a interacción co público que terá que superar probas divertidas e preguntas para saber “quen quere ser feminista?”.  

 O venres, 24 de novembro, ás 12 h na praza Norte na Catedral, realizarase o acto institucional no que se dará lectura ao manifesto deste 25N  e se contará coa acción escénica “A última cea” de Uxía Morán.  

 O sábado, 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, están previstas tres actividades.  

 Ás 12 h na Biblioteca Municipal terá lugar a actividade  "Viaxe á selva das Bonobas" a cargo de Lara Fuentes. Comeza coa lectra do conto "A Historia dos Bonobos" e logo a rapazada terá como misión construír unha selva na que exista a igualdade, xa que na do conto non é así, para iso terán que superar varias probas e ir conseguindo os elementos necesarios para romper estereotipos de xénero, lograr a liberdade, diversidade e respecto.  

 Xa pola tarde,  de 17 a 20 h, no Paseo da Corredoira haberá un Punto Violeta atendido por unha psicóloga e unha educadora social, ambas axentes de igualdade con formación e experiencia na prevención e intervención en casos de violencias de xénero. Este Punto Violeta, busca implicar a homes e mulleres na loita contra a violencia machista, proporcionando a información necesaria para saber como actuar ante un caso de violencia contra as mulleres.  

 Ás 18 h, tamén no Paseo da Corredoira, a actriz Uxía Morán representará a acción escénica “A última cea”.  Na peza retrata a unha muller que pasa da  ilusión e do amor do día da súa voda, ao confinamento no fogar e á agresión. A música, os silencios, e os golpes sonoros, marcan os ritmos desta proposta que con dureza e contundencia denuncia a violencia de xénero.  

 A programación prevista nesta campaña continuará o martes 28 ás 19 h  na sala Félix Rodríguez cun encontro coa xornalista, escritora e activista feministas María Xosé Porteiro baixo o título de “A revolución feminista”. María Xosé Porteiro conta cunha longa traxectoria coma profesional do xornalismo e autora de varios libros de narrativa, biografía e ensaio. Creou a primeira concellería de Igualdade e a primeira Casa de Acollida de Galicia.

 As actividades pecharanse o xoves, 30 de novembro, ás 19 h no edificio Francisco Sánchez coa mesa redonda “Sexualidade, pornografía e violencia de xénero na adolescencia” dirixida a familias e profesionais da educación. Na mesma participarán profesionais do ámbito da pedagoxía, psicoloxía, avogacía e forzas e corpos de seguridade.  

 Dentro desta campaña “Non máis violencia por ser muller” a casa do concello iluminarase de morado dende o xoves 23 até o sábado 25. A imaxe e cartelería da campaña difundirase a través de medios de comunicación, redes sociais, mupis, comercio local, entidades, asociación, clubs deportivos, centros escolares, centro de saúde, e instalacións municipais. Deste xeito o concello de Tui busca chegar a toda a poboación co obxectivo de concienciar e erradicar a violencia contra a muller, pondo o aceno entorno ao 25N, pero un traballo que realiza con diversas iniciativas ao longo dos doce meses do ano.    

Programa 25N | “Non máis violencia por ser muller” 

Xoves, 23 de novembro, ás 11 h no Teatro Municipal 

Espectáculo “Ser Feminista?” con Uxía Morán e Antea Rodríguez para o alumnado de Primaria. 

Venres, 24 de novembro ás 12 h na praza Norte da Catedral 

Acto institucional. Lectura do manifesto e acción escénica “A última cea” de Uxía Morán. 

Sábado, 25 de novembro 

Ás 12 h na Biblioteca, “Viaxe á Selva das Bonobas” con Lara Fuentes. 

De 17 a 20 h Punto Violeta no Paseo da Corredoira. 

Ás 18 h no Paseo da Corredoira acción escénica “A última cea” de Uxía Morán. 

Martes, 28 de novembro, ás 19 h  na sala Félix Rodríguez 

Encontro coa xornalista, escritora e activista feministas María Xosé Porteiro. 

Xoves, 30 de novembro, ás 19 h no edificio Francisco Sánchez 

 Mesa redonda “Sexualidade, pornografía e violencia de xénero na adolescencia” dirixida a familias e profesionais da educación, a cargo de profesionais do ámbito da pedagoxía, psicoloxía, avogacía e forzas e corpos de seguridade.    

Ningún comentario:

Publicar un comentario