29 de nov. de 2023

TOMIÑO

A ampliación do IES de Tomiño creará o primeiro edificio de Consumo Cero en Galicia, un proxecto pioneiro que elevará o investimento a case 5 M€  

 A Xunta de Galicia aproveitará a situación do centro para acadar un quecemento natural en inverno, apoiado por un sistema de calefacción por biomasa e placas solares


Alumnado nunha aula do IES Antón Alonso Ríos, de Tomiño
Foto: FB

Infogauda / Tomiño

 A ampliación do instituto IES Antón Alonso Ríos (Tomiño) vai ser unha das obras máis ambiciosas no ámbito das instalacións educativas e a máis innovadora no que atinxe á súa eficiencia enerxética. Así o explicou hoxe no Parlamento o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Manuel Vila, quen destacou que a Xunta está a supervisar o proxecto desta actuación, que resulta especialmente laborioso e complexo.

 O departamento educativo da Xunta de Galicia ten previsto licitar a obra de ampliación deste instituto en 2024, cun orzamento que xa acada os 4,8M€, un millón máis da última previsión. Deste xeito, a actuación podería estar completada ao longo do curso 2025/26. “O compromiso do Goberno galego é firme con Tomiño, de feito esta actuación é a segunda máis importante por contía das previstas obras de ampliación”, recalcou.

 O secretario xeral técnico sinalou que, despois de varias análises por parte dos técnicos e atendendo á privilexiada localización do centro, cunha grande cantidade de horas de exposición solar ao día, “tomouse a decisión de converter esta obra nun proxecto piloto de edificio innovador desde o punto de vista da eficiencia enerxética”.

 Isto obrigou a acometer cambios no proxecto, que inclúe agora medidas de deseño arquitectónico pasivo, dotado de fachadas con proteccións solares protexendo do sol en verán e permitindo o quecemento no inverno. Así mesmo, contará con sistemas de aproveitamento de enerxía solar térmica, un total de 12 paneis e un sistema de calefacción por biomasa, que redundará nun aforro estimado do 18% de enerxía primaria.

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

 “O noso propósito é converter o novo volume no primeiro edificio de consumo case nulo en Galicia, a través dunha actuación pioneira na nosa Comunidade que xa se está a implantar en edificios públicos de países como Alemaña, Austria ou Suíza, destacou.

 Nestes momentos, a Xunta está na última fase da revisión do proxecto, que deberá estar pechado no primeiro trimestre do 2024 para licitar a actuación ao longo do ano no marco do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta coa que a Xunta está a modernizar os centros educativos, facéndoos máis confortables e sostibles.

 Neste sentido, o secretario xeral técnico lembrou que este plan busca reforzar un novo modelo de colexios e institutos na etapa poscovid, onde a arquitectura teña unha orientación educativa vinculada ás novas metodoloxías de aprendizaxe, e na que os edificios sexan máis eficientes desde o punto de vista enerxético.

Ningún comentario:

Publicar un comentario