O Rosal inaugura o Nadal con talleres, mercado, magosto, teatro e o tradicional acendido das luces
• A programación arranca esta fin de semana cunha morea de actividades para todos os públicos
Infogauda / O Rosal
O Rosal quenta motores para dar a benvida ao Nadal. O Concello prepárase para máis dun mes de actividades e propostas para todos os públicos e para todos os gustos. Talleres, magosto, teatro, música, deporte, danza, charlas... e moita diversión “para desfrutar dunha época moi destacada para toda a veciñanza. Para o Goberno municipal é moi importante achegar o lecer a todos os rosaleiros e rosaleiras e facelo de balde cun amplo abano de opcións”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
As festas comezarán no Rosal xa este venres 1 de decembro coa celebración de ‘Un Nadal máis verde’, un obradoiro que se celebrará no Daordaria Gastrobar, do Mercado municipal no que as persoas participantes aprenderán sinxelos trucos para desfrutar do Nadal dun xeito máis sostible,
A xornada inaugural será ao día seguinte, sábado 2 de decembro, que arrancará coa apertura do tradicional Mercado de Nadal, “un espazo de oportunidades para as persoas que realizan traballos relacionados coa artesanía e o deseño”. Será os días 2 e 3 de decembro no Salón de Exposicións do Concello de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas.
O sábado pola tarde será a quenda do magosto popular ás 18.30 horas e do tradicional acendido das luces de Nadal ás 19.30 horas na Praza do Calvario. No asado das castañas contarase coa colaboración da Asociación de Maiores, da Agrupación Musical do Rosal, do Club Cliclista O Rosal, da U.D. Ribera e do Valinox Novás.
O domingo 3 pechará a fin de semana inaugural do Nadal ‘A comisión das Valadas’, unha obra de teatro do Grupo Afeccionado San Fins, de Rebordáns (Tui) organizada pola ANPA do CRA María Zambrano para recadar fondos para o servizo de comedor. Será ás 19.00 horas no auditorio municipal cunha entrada de 5 euros con dereito a un chocolate con churros na Cafetería Juan. As entradas poden mercarse en Regalos Rocío ou Cómplices, reservarse no 623 138 513 ou na entrada do auditorio. Contará con servizo de canguraxe con reserva previa.
O domingo 10, ás 18.00 horas no auditorio municipal, será a quenda do XII Concerto Ecos do Nadal, unha actuación organizada polo Coro Ecos do Folón que contará este ano coa participación da Coral Vagalume, de Santa María de Oia e da Coral Cantemos, de Salvaterra..
O Nadal comeza a coller xa forma a partir da segunda quincena de decembro. O sábado 16 a Agrupación Musical do Rosal ofrecerá o seu tradicional concerto de Nadal, nesta ocasión co Principiño como eixo central. Será ás 19.30 horas no auditorio municipal cunha entrada de 5 euros.
O domingo 17 será a quenda do Festival Escola de Danza Attitude ás 18.00 horas tamén no auditorio.
Volveremos ao auditorio municipal o xoves 21, ás 20.00 horas, para as audicións do alumnado da Escola de Música AMDOR; e o sábado 23, ás 19:00 horas, para o Festival de Nadal da Escola de Música da Agrupación Musical do Rosal.
Xa o 29 de decembro, ás 19.30 horas, no Centro Social Polivalente, dedicaremos a xornada á sostibilidade coa charla ‘Vehículos eléctricos. Cara a onde imos?’, a cargo do enxeñeiro industrial José de Lorenzo Tabales.
O sábado 30 o Valinox Novás organiza un novo espectáculo cos Netos, no Auditorio municipal e o domingo 31 pecharemos o ano coa carreira popular de San Silvestre.
A programación de Nadal do Rosal rematará xa estreado o 2024 cunha xornada real. O venres 5 de xaneiro, de 11.00 a 13.30 horas, os Magos de Oriente visitarán os barrios, saudando a nenos e nenas, e xa pola tarde a partir das 17.00 horas, na Praza do Calvario, haberá Festa de Reis, con saltimbanquis con Sarao Animación, recepción aos Reis Magos e unha gran chocolatada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario