O TRAIL DO TREGA PREPÁRASE PARA CELEBRAR A SÚA DÉCIMA EDICIÓN
• A proba reunirá esta fin de semana, na Guarda, a máis de 600 corredores
Infogauda / A Guarda
Na mañá deste xoves, presentouse no Concello de A Guarda o X Trail do Trega, o cual esgotou dorsais e reunirá esta fin de semana a máis de 600 corredores. Nesta décima edición os participantes terán a oportunidade de correr e compartir experiencias xunto a Luis Alberto Hernando, triplo campión do mundo de trail e padriño oficial da proba.
Á presentación do evento asistiron o alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero: o concelleiro de Cultura e Deportes, Celso Rodríguez Fariñas; Daniel Benavides, delegado da Xunta de Galicia na provincia de Pontevedra; así como diferentes representantes das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común de A Guarda e de Camposancos, respectivamente; e Serafín Martínez Acevedo, director da carreira.
A primeira proba en celebrarse será a andaina, que sairá o sábado 18 ás 16:00 horas desde a Alameda de A Guarda. Tras ela, ás 19:30 horas, na Casa dos Alonso, celebrarase unha charla-coloquio con Luis Alberto Hernando, con entrada libre para todos os interesados.
O domingo 19, ás 10:00 horas será á saída dos participantes no Gran Trail, onde os corredores realizarán dezanove quilómetros por unha das zonas máis espectaculares de Galicia: o Monte Santa Trega.
Ás 10:15 horas sairá o Mini Trail, cunha distancia de doce quilómetros. Tras finalizar as probas daranse os premios da Pontevedra Trail, onde os participantes nas tres carreiras que a compoñen, Trail do Aloia, Trail Adventure Muiños do Folón e Trail do Trega, recibirán un agasallo específico, e ademais, entregaranse os podios finais.
As inscricións para ambas distancias atópanse esgotadas e a pesar de abrir o martes novas prazas para os últimos afortunados, non duraron nin unha hora. Desde a organización da proba animan a todos os rexistrados a gozar esta fin de semana de trail por unha contorna espectacular, e a celebrar este décimo aniversario da carreira.

Ningún comentario:
Publicar un comentario