CINEMA
O Ciclo Mestre Mateo rematará cunha proxección sobre María Casares
• Este xoves, 30 de novembro, ás 20:30 horas, no Centro Cultural da vila
Infogauda / A Guarda
O Ciclo Mestre Mateo vai chegar ao seu fin. Será este xoves 30 de novembro, ás 20:30 horas, no Centro Cultural da vila, coa proxección do documental “María Casares, a muller que viviu mil vidas”, gañadora nos premios Mestre Mateo, ao mellor documental.
Xavier Villaverde, director e guionista, propón en “María Casares, a muller que viviu mil vidas”, unha aproximación íntima e profunda á vida da actriz, unha figura fundamental nas artes escénicas da Europa do século XX. Trátase dunha homenaxe desde a súa Galicia natal, á que nunca esqueceu, no marco do primeiro centenario do seu nacemento. No documental interveñen María Lopo, Emilio Grancío, Manolo Rivas, Mabel Rivera, Johana Silberstein, Jorge Lavelli, Marion Chénetier-Alev e Manolo Lourenzo.
A través deste ciclo a Deputación de Pontevedra e a Academia Galega do Audiovisual achegaron entre maio e este mes de novembro as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego.
Ademais de “María Casares, a muller que viviu mil vidas” tamén se proxectaron no marco deste programa filmes coma “Valentina” (Chelo Loureiro), “Live is life” (Dani de la Torre), “Código Emperador” (Jorge Coira), “O corpo aberto” (Ángeles Huerta), “A foreign song” (César Souto), “Unicorn Wars” ((Alberto Vázquez Rico) , “Onde máis doe” (Manane Rodríguez) ou “No somos nada” (Javier Corcuera).
Ningún comentario:
Publicar un comentario