15 de nov. de 2023

A GUARDA

A Xunta de Galicia asfixia a comunicación con Caminha e ao Camiño Portugués da Costa  

 O PSOE guardés non deixará de denunciar o desleixo da Xunta de Galicia e a pasividade do actual alcalde da Guarda, o Sr. Carrero, en relación á problemática da comunicación con Caminha  




Grupo Municipal do PSdeG-PSOE / A Guarda

 Fai máis dunha semana presentamos no rexistro do Concello un escrito no que solicitabamos ao alcalde da Guarda, o Sr. Carrero, que esixira á Xunta de Galicia unha solución para manter unha comunicación eficaz con Caminha polo río Miño.  

 Este escrito estivo motivado polo feito de que, ademais de non ter aínda o ferri funcionando, atopamos na web oficial do Xacobeo Transfer un anuncio segundo o cal o servizo se mantiña inoperativo desde novembro de 2023 ata marzo de 2024.  

 Por fortuna a nosa denuncia tivo algún efecto, xa que uns días despois de presentar este escrito solicitamos ao alcalde unha reunión para tratar, entre outros, a comunicación con Caminha, e durante esa xuntanza asegurounos que o Xacobeo Transfer volvía a atoparse activo. Defendeu que en ningún momento se pretendera cancelar o servizo no inverno, e que ese anuncio na web do Xacobeo Transfer simplemente se tratara dun “malentendido” entre a Xunta de Galicia e a empresa concesionaria do servizo.   

 Con respecto ao ferri comentou que o pantalán xa estaba arranxado e á espera da súa instalación, asunto que seguiremos de preto durante as próximas semanas.   

 Para contrastar a información dada polo alcalde en relación ao servizo do Transfer, estivemos facendo algunhas pescudas e o que averiguamos é que de “malentendido”, nada de nada...O servizo efectivamente foi paralizado pola Xunta de Galicia coa idea de mantelo inoperativo durante os meses de novembro a marzo.   

 Entendemos que unha vez denunciado o tema, non só por nós, senón tamén por outros/as cidadáns nas redes sociais, a Xunta deu marcha atrás e decidiu retomar o servizo, ese servizo do que falaban tan orgullosamente meses atrás dicindo que fora usado por máis de 7.000 usuarios/as.   

 E agora si, a embarcación volve a funcionar, pero cunha única viaxe ao día que non pode facerse en caso de mal tempo. Polo que nos preguntamos: que tipo de comunicación eficaz se supón que é esa? Que tipo de servizo estamos dando aos/as peregrinos/as?   

 Nós, desde o Grupo Municipal Socialista, seguiremos sinalando co dedo á Xunta de Galicia cando non defenda os intereses dos guardeses e guardesas, e cando coas súas accións ou omisións continúe asfixiando ao Camiño Portugués da Costa ao paso pola nosa localidade.   

 Avogamos polo restablecemento dun servizo de transporte fluvial eficaz e a promoción da cooperación transfronteiriza, elementos fundamentais para o desenvolvemento sostible e a prosperidade de ambas beiras do río.   

 E ao Sr. Carrero, pedímoslle encarecidamente que traballe, que se preocupe de verdade pola Guarda, pero sobre todo que non nos minta descaradamente a nós nin á cidadanía. 

 Na Guarda, a 15 de novembro de 2023 

Ningún comentario:

Publicar un comentario