15 de nov. de 2023

A GUARDA

A Guarda acollerá o pase de “Onde máis doe”, ao abeiro do Ciclo Mestre Mateo  

A proxección do documental dirixido por Manane Rodríguez, finalista nesta categoría nos premios do audiovisual galego, terá lugar este xoves, 16 de novembro, ás 20:30 horas no Centro Cultural 




Infogauda / A Guarda

     Nunha sesión que terá lugar este xoves, día 16 de novembro, ás 20:30 horas, o salón de actos do Centro Cultural, a vila de A Guarda acollerá unha nova proxección ao abeiro da segunda edición do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra, para achegar as longametraxes de ficción e documentais gañadores e finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. Nesta ocasión, a veciñanza poderá asistir ao pase do filme “Onde máis doe”, finalista na categoría documentais na gala dos Mestre Mateo.

 Dirixido por Manane Rodríguez, o filme, que fora estreado o pasado 2022 no OUFF - Ourense Film Festival e finalista na categoría documental nos Premios Mestre Mateo, retrata a violencia de xénero ao contar o caso de M. M., que despois de ameazar durante anos á súa ex parella, asasinou a golpes de pala ao seu fillo de 11 anos. Un ano despois un xurado popular condenouno por asasinato e determinou que o crime buscaba castigar á nai. Manane Rodríguez asume a dirección e o guión neste filme producido por Xabier Bermúdez que conta coa música de Nani García.

Ningún comentario:

Publicar un comentario