16 de nov. de 2023

A CORUÑA

Sanitarios e sanitarias galegas atenden a 5.000 persoas en Senegal grazas ao proxecto Coruña Cura 

 16 voluntarios e voluntarias da ONG Ecodesarrollo Gaia regresaron a pasada fin de semana, tras dúas semanas brindando atención sanitaria gratuíta á xente sen recursos da localidade senegalesa de Yoff-Tonghor 


Voluntarios e voluntarias da ONG Ecodesarrollo Gaia pasando consulta a persoas nativas da localidade senegalesa de Yoff-Tonghor


Guillermo Fernández-Obanza* / A Coruña

 Un total de 16 voluntarios e voluntarias da ONG Ecodesarrollo Gaia, regresaron o pasado sábado, 11 de novembro, da localidade senegalesa de Yoff-Tonghor, onde estiveron dúas semanas prestando atención médico-farmacéutica a ao redor de 5.000 pacientes que carecen de recursos económicos para acceder á sanidade de Senegal.  

 Trátase do proxecto Coruña Cura, un programa que se integra dentro do plan global de desenvolvemento local sostible da ONG, a través do cal se aborda a faceta hixiénico-sanitaria desta localidade senegalesa e poténciase a cooperación norte-sur. Este ano é o duodécimo que Ecodesarrollo Gaia leva a cabo o proxecto, que se desenvolveu ao longo de dúas semanas entre o 28 de outubro e o 11 de novembro.  

 Dos ao redor de 5.000 pacientes tratados, os problemas máis habituais son lesións dermatolóxicas, feridas e úlceras con mala evolución, parasitos intestinais, sarnas ou tingas. Tamén se realizan controis de enfermidades crónicas á poboación (principalmente hipertensión e diabetes), controis de saúde pediátricos e, en colaboración co centro sanitario local, diagnóstico de desnutrición infantil, así como a proba da malaria e algunhas intervencións de cirurxía menor.  

 Ademais de asistencia médica, os e as cooperantes tamén facilitaron material de enfermería e 500 quilos de medicamentos a esta poboación, entre os que se atopaban analxésicos, antifúngicos, antibióticos, material de curas etc. Ecodesarrollo Gaia conta coa xenerosidade de farmacias e hospitais que doan medicamentos para este proxecto, así como achegas económicas de particulares que facilitan o desenvolvemento do programa. 


O ano pasado, o persoal sanitario do Coruña Cura tomou as medidas deste paciente para poder fabricar unha cadeira a medida en España, que foi entregada nesta viaxe

 Igualmente, nesta expedición, doouse unha cadeira de rodas adaptada para un mozo de 20 anos que, por mor dunha enfermidade na infancia, quedou con dano cerebral como secuela. Isto provocoulle importantes limitacións de movemento e tan só podía saír do seu domicilio en brazos dalgunha persoa. O ano pasado, o persoal sanitario do Coruña Cura tomou as medidas deste paciente para poder fabricar unha cadeira a medida en España, que foi entregada nesta viaxe. 

 Durante a súa estancia en Senegal, os voluntarios e voluntarias tamén realizaron actividades de educación en saúde e promoción da mesma para líderes locais, profesoras e poboación xeral. Nelas, explicáronse temas tan básicos como a importancia da hixiene ou a maneira apropiada de asearse, co fin de evitar infeccións ou feridas que poidan derivar en problemas graves para a saúde. Igualmente, realizáronse visitas domiciliarias a persoas encamadas. 


Membros do equipo desta edición

 O equipo desta edición estivo formado por 16 persoas entre as que se atoparon 12 médicos/as, 2 farmacéuticas e 2 enfermeiras de diversos lugares de Galicia. O grupo completárono 2 persoas de apoio da ONG. 

O proxecto: Coruña Cura 

 Este proxecto realízase para a totalidade da poboación de Yoff e sitúase fisicamente no barrio de pescadores de Tonghor. Alí, Ecodesarrollo Gaia ten unha escola construída pola propia ONG, que leva o nome de Escola Coruña, e que é onde se aloxa o voluntariado galego e onde realiza as súas tarefas de atención médica á poboación local. 

 Antes da viaxe a Senegal, Ecodesarrollo Gaia recompila medicamentos e material médico necesario para tratar aos habitantes de Yoff. Unha vez alí, os sanitarios e sanitarias atenden ininterrompidamente desde as 9h ata aproximadamente as 16h a todos as as persoas que se achegan ata a escola, a gran maioría deles nenos e nenas. En total, ao longo das súas 20 edicións, o proxecto Coruña Cura facilitou atención médica e farmacolóxica a máis de 25.000 persoas. 

A ONG: Ecodesarrollo Gaia 

 Ecodesarrollo Gaia é unha organización sen ánimo de lucro para o desenvolvemento sostible nada en 1992, e que debe o seu nome á acepción da palabra grega “Nai Terra”. Esta ONG eríxese como organización ponte entre dous grupos humanos: a cidadanía inmigrante e a poboación de acollida.  

 Neste marco, Ecodesarrollo Gaia axuda á xente inmigrante durante o seu proceso de integración na nova contorna, tendo como obxectivos a paz social para a cidade, a realización satisfactoria dos proxectos migratorios e a conciliación positiva entre os intereses da cidadanía inmigrante e a cidadanía autóctona. Trátase dunha ONG de codesarrollo e cooperación internacional integrada maioritariamente por voluntarios e cuxos servizos son gratuítos na súa totalidade.

Coordinador de la ONG Ecodesarrollo Gaia

Ningún comentario:

Publicar un comentario