16 de nov. de 2023

CULTURA

Os Bolechas presentan o seu novo libro sobre as “Familias Monoparentais”  

Esta nova lectura da familia pretende educar na corresponsabilidade a través da igualdade, conciliación e o desenvolvemento familiar.  

Ao acto asistiron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e a presidenta da Asociación de Familias Monomarentais de Galicia, Inmaculada Alonso.  


O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, con Inmaculada Alonso, presidenta da asociación de Familias Monomarentais de Galicia (FAGAMOS),  na presentación do libro  “Familias Monoparentais” 
 

Rebeca Santomé / Santiago de Compostela 

 “Familias Monoparentais” é o novo libro guía presentado esta mañá no colexio CEIP de Vite, en Santiago de Compostela polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. No acto de presentación estiveron tamén a presidenta da asociación de Familias Monomarentais de Galicia (FAGAMOS), Inmaculada Alonso; ademais dos Bolechas corpóreos que xogaron coa cativada.  

 “Estamos moi contentas de presentar este libro que nos axudará a dar visibilidade ao noso modelo de familia, e a reivindicar equidade ante a sociedade e as institucións para transformalas, por iso é importante fomentar estes valores entre os nenos e as nenas, co fin de educalos na diversidade e na corresponsabilidade, non só dentro da familia, senón tamén na corresponsabilidade social”, sinalou durante o acto de presentación Inmaculada Alonso, presidenta da asociación FAGAMOS.    

 Nesta nova guía, Os Bolechas buscan apoiar e representar a través destes divertidos debuxos ás familias galegas nas que a responsabilidade da crianza recae integramente nunha soa persoa. A obra ten un carácter divulgativo e pedagóxico, pois pretende educar na diversidade familiar á cativada galega e fomentar a inclusión e os valores que sempre manifestan nas súas aventuras e outros como son a corresponsabilidade, a través da igualdade, o desenvolvemento familiar e a conciliación.   

 “Con este tipo de actuacións contribuímos a mellorar o posicionamento social dun colectivo de persoas que non deixa de medrar día a día e que grazas a FAGAMOS xa conta cun espazo propio a nivel autonómico en Galicia, ao mesmo tempo que contribuímos a visibilizar no ámbito familiar o noso idioma, o galego, algo que Os Bolechas levan facendo durante moitos anos”, afirmou Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística.  

 Dende a asociación, fixeron fincapé na necesidade de implicación de toda a sociedade “pois só desde a colaboración e a corresponsabilidade poden desaparecer as situacións de exclusión, vulnerabilidade, precariedade e mesmo pobreza que sofren moitas das nosas familias, que no 80% dos casos están encabezadas por mulleres; e ese o cambio que necesitamos para mellorar a vida das nais e dos seus fillos e fillas”, apuntou a presidenta da asociación, Inmaculada Alonso.  

A asociación FAGAMOS 

 A Asociación de Familias Monomarentais de Galicia xorde no 2021 como unha entidade sen ánimo de lucro que apoia o recoñecemento da plena igualdade do modelo de familia  monoparental, é dicir, aquelas familias nas que os pais e nais crían sos aos seus fillos e fillas sen axuda e sen compartir esa responsabilidade con ninguén máis. A asociación acolle a todo tipo de familias monoparentais, tanto as que se conformaron así por decisión propia como nas que en orixe non o eran e, por algunha circunstancia, se atopan en situación de monoparentalidade con independencia do xénero da persoa proxenitora.  

Os Bolechas para aprender e divertirse  

 Desde que comezaron a publicarse no ano 2000 Os Bolechas convertéronse nun auténtico fenómeno. Con máis de 650 títulos publicados e máis de 2.000.000 exemplares distribuídos, teñen unha verdadeira lexión de seguidores entre os máis pequenos, que seguen con paixón as súas aventuras, ben sexa a través dos seus libros, da televisión, nas propostas escénicas ou nas saídas á rúa.  

 Este seguimento masivo e continuo durante máis de 22 anos permitiu a toda unha xeración de galegas e galegos achegarse á cultura e á literatura en lingua galega desde os primeiros anos de vida –posto que os Bolechas usan sempre o galego na súa versión orixinal–, o que supuxo un importante papel na promoción e difusión do idioma. Tanto é así que moitos nenos teñen na casa –e sobre todo no colexio– o seu primeiro e máis intenso contacto co galego a través das súas aventuras, todas elas cun destacado contido didáctico e pedagóxico, que contribúe á formación dos escolares de educación infantil e de primaria de Galicia mediante o pracer e o divertimento.      

Ningún comentario:

Publicar un comentario