2 de out. de 2023

PONTEVEDRA

O MUSEO CELEBRA O DÍA EUROPEO DA ARTE RUPESTRE CUNHA CONFERENCIA SOBRE AS REPRESENTACIÓNS MÁIS ANTIGAS REALIZADAS NAS PAREDES DE COVAS 

Hipólito Collado, xefe da área de Arqueoloxía da Junta de Extremadura, será o poñente desta conferencia o martes 10 de outubro ás 19:00 horas


Arte ripestre
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra 

 O Museo de Pontevedra vai celebrar a próxima semana o Día Europeo da Arte Rupestre con dúas actividades: unha conferencia aberta ao público e un obradoiro concertado con centros escolares. A conferencia será o martes 10 de outubro ás 19.30 h no Edificio Castelao, a cargo do xefe da área de Arqueoloxía da Junta de Extremadura, Hipólito Collado. Co título, ‘A orixe da arte parietal. É verdade todo o que nos contaron?’, a charla achegará ao público as evidencias máis recentes sobre as representacións rupestres máis antigas.  

 Nos últimos tempos colleu forza a discusión científica sobre a orixe das representacións rupestres realizadas nas paredes das covas,  e cal foi a especie de homínido que protagonizou este salto evolutivo tan transcendental nas capacidades cognitivas do ser humano. Nesta conferencia, o público asistirá a un percorrido a nivel global que mostrará as últimas evidencias sobre as representacións máis antigas da arte rupestre.  

 Collado fará unha análise exhaustiva das primeiras representacións parietais na península ibérica e a problemática que implica a súa atribución cultural. Finalizará a súa intervención cunha reflexión crítica sobre os recentes achados realizados no continente africano, que poñen en dúbida todas as bases que sustentan as actuais formulacións científicas sobre a orixe da arte parietal.  

 Hipólito Collado é doutor especialista en Arte Rupestre Prehistórica, ademais de xefe da área de Arqueoloxía da Junta de Extremadura. É profesor convidado do Instituto Politécnico de Tomar (Portugal), investigador sénior no Museu de Arte Pré-Histórica e do Sagrado no Vale do Tejo (Portugal) e presidente da International Federation Rock Art Organization (IFRAO-SPAIN). Conta con máis dun cento de publicacións ou edicións especializadas en arte rupestre.  

 Realizou estudos e documentación de enclaves con arte rupestre en varios países de Europa, América, Asia e África. Entre os máis recentes destaca o proxecto ‘Handpas. (Mans do Pasado)’, un catálogo 3D das mans paleolíticas da arte rupestre de Europa. Actualmente coordina o proxecto ‘First Art’, un proxecto internacional co apoio da National Geographic Society, cuxo principal obxectivo é a caracterización cronolóxica, técnica e cultural das primeiras manifestacións de arte rupestre a nivel global.   

Obradoiro para centros escolares  

 As actividades polo Día Europeo da Arte Rupestre completaranse cun obradoiro en dúas sesións o mesmo martes 10 de outubro, concertado con centros escolares. Co título ‘Explorando a primeira arte’, esta actividade busca introducir ás alumnas e aos alumnos na arte rupestre a través das representacións do Paleolítico ao Neolítico e da Idade do Bronce da provincia de Pontevedra. Os grupos participantes rematarán o obradoiro realizando un mural colectivo.  

 O Día Europeo da Arte Rupestre celébrase cada 9 de outubro desde o ano 2019, proclamado polo Consello de Europa e a Comisión Europea en homenaxe ao 117 aniversario do recoñecemento pola comunidade científica internacional de autenticidade de arte das Covas de Altamira (Cantabria).

Ningún comentario:

Publicar un comentario