30 de out. de 2023

O ROSAL

O Rosal segue a visibilizar a mulleres profesionais que traballan en sectores historicamente masculinizados  

A iniciativa está dentro do proxecto “Mulleres que inspiran”   


O  CEIP Manuel Suárez Marquier do Rosal acolleu a semana pasada unha nova xornada do programa “Mulleres que inspiran”
Foto: C.O. R.

Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal continúa revolucionando mentes e visibilizando a mulleres profesionais que traballan en sectores historicamente masculinizados. O  CEIP Manuel Suárez Marquier do Rosal acolleu a semana pasada unha nova xornada do programa “Mulleres que inspiran”, unha sesión a través da que un grupo de 6 mulleres que traballan en sectores ou profesións tradicionalmente asociadas aos homes explicaron as súas experiencias aos alumnos e alumnas do centro.  

 A xornada contou coa participación de Juana Mª Parada Guinaldo, xerente da Organización de Palangreros Guardeses (ORPAGU), do sector da pesca; Cintia Lomba Lomba, fundadora e socia de Skeirrum, pertencente ao sector das TICs; Eva Baz, socia e fundadora do estudo Eira Arquitectura; Trini Sarmiento, relacionada co sector vitivinícola; e Fe González, creadora de Arela de Fe e pertencente ao sector da artesanía. A xornada estivo moderada por Ana Concheiro. 

 Mediante esta iniciativa o Concello do Rosal “busca que as máis novas e os mais novos sexan conscientes dos avances sociais conquistados nas últimas décadas por estas mulleres e as dificultades ás que tiveron que facer fronte”, como sinalou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. Ademais o programa trata de visibilizar a estas mulleres “que inspiran” e que teñen un papel fundamental no desenvolvemento da sociedade e que historicamente foron invisibilizadas.  

 O programa “Mulleres que inspiran”, financiado pola Deputación de Pontevedra, conta con catro liñas de traballo. A primeira delas centrada no deporte que xa comezou o pasado verán, o concurso fotográfico que se convocou no mes de outubro e este encontro no ámbito do traballo. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario