27 de set. de 2023

VIGO

O cadro de persoal de Madera Fiber clama na Xunta en Vigo por unha solución que garanta o mantemento do emprego 

 Os traballadores/as da antiga Faurecia Interior Porriño instan a Administración a atopar “un inversor serio” que retome a actividade    


Tras a protesta desenvolvida o pasado mércores 20 diante das instalacións da compañía do sector da automoción no polígono das Gándaras, no día de hoxe optaron por levar a cabo unha concentración ás portas do edificio da Xunta en Vigo

Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 O cadro de persoal de Maderas Fiber, antiga Faurecia Interior Porriño, continuou esta mañá coas mobilización para reclamar a implicación da Xunta de cara a atopar “un inversor serio” que garanta a continuidade do proxecto industrial e o mantemento dos 103 empregos actuais.   

 Tras a protesta desenvolvida o pasado mércores 20 diante das instalacións da compañía do sector da automoción no polígono das Gándaras, no día de hoxe optaron por levar a cabo unha concentración ás portas do edificio da Xunta en Vigo para esixir axilidade por parte dos responsábeis autonómicos. Neste senso, lembran que no pasado xa mantiveran xuntanzas tanto co IGAPE como coa Inspección de Traballo para alertar do que estaba a acontecer na empresa, situación que derivou finalmente na presentación do concurso de acredores por parte da compañía.  

 Agora veñen de solicitar unha xuntanza coa propia conselleira de Economía para demandarlle que poña todos os instrumentos dos que dispón a Administración para atopar investimentos, “pero aín-da non obtivemos resposta”. Ao mesmo tempo, están a manter encontros cos alcaldes e grupos políticos da zona de influencia da empresa para recabar o seu apoio. 

 En consecuencia, Madera Fiber atravesa na actualidade unha situación económica crítica que fai que nestes momentos só teñen actividade tres operarios/as dos 103 que integran o cadro de per-soal. Ademais, a previsión é que os traballadores/as non perciban xa o soldo de setembro porque a compañía carece de fondos. 

 Diante desta situación, o comité comezou os contactos coa Administración autonómica para abordar o futuro da empresa co obxectivo de garantir o mantemento da actividade e dos empregos “e para esixirlles que se impliquen na busca dunha solución que pasaría por atopar un inversor serio que reflotase a compañía e mantivese o proxecto industrial”.  

Operación especulativa 

 Dende a representación da CIG no comité insisten en que outra saída posíbel sería que “volvamos ser traballadores/as de Faurecia”. Lembran que a transnacional francesa vendera a súa filial porri-ñesa en 2022 ao fondo de investimento alemán Callista por un euro, ao tempo que inxectou tres millóns de euros na empresa. “Tras a operación o fondo voitre nunca presentou ningún plan indus-trial nin realizou investimentos, e aos tres meses vendeu os terreos e as instalacións por 2,4 millóns, un prezo moi inferior ao valor de mercado”. 

 A compañía continuou producindo até que en marzo de 2023 foi vendida por 3600 euros a unha empresa romanesa propiedade de Rüdiger Wisser, “que se presentou aquí asegurando que era embaixador do parlamento internacional dos dereitos humanos, algo surrealista”. Cinco meses despois esta persoa desaparece, deixando a empresa en concurso de acredores con importantes débedas. 

 “Foi todo unha operación especulativa, xa que as pezas que fabricamos eran vendidas a Faurecia a un prezo inferior ao de fabricación, que era marcado pola propia Faurecia. O obxectivo desta trama era evitar o dano reputacional e as cuantiosas indemnizacións por despido, xa que as responsabilidade recaerían nun cidadán romanés insolvente”, sinalan. 

 Por iso dende a representación sindical instan a Xunta a implicarse e a decidir con quen se posicionan: ou cos traballadores/as e as súas familias ou cos fondos voitres.

Ningún comentario:

Publicar un comentario