12 de set. de 2023

VIGO

O comité de Vitrasa convoca mobilizacións indefinidas para forzar unha solución ao conflito 

Desenvolverá paros parciais e xornadas de folga a partir do vindeiro luns 18 de setembro 


Persoal e membros do comité de empresa de Vitrasa, nun momento da súa protesta no salón de plenos do Concello de Vigo
Foto: CIG

Infogauda / Vigo 

 O comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo, vén de anunciar a convocatoria de mobilizacións indefinidas a partir do vindeiro luns 18 de setembro para forzar unha solución ao conflito laboral que manteñen coa empresa dende hai xa varios anos. As medidas de presión incluirán tanto paros parciais como xornadas de folga completas, ademais de manifestacións e concentracións en distintos puntos da cidade.  

 O anuncio da representación sindical tivo lugar hoxe tras o debate dunha moción no pleno sobre o conflito laboral en Vitrasa presentada polo BNG para reclamarlle ao Goberno local a apertura dun expediente sancionador contra a compañía polos reiterados incumprimentos das condicións do servizo e das súas obrigas co persoal. A moción foi finalmente denegada cos votos do grupo de Goberno.  

 Tras participar na sesión, os membros do comité desprazáronse até o cruzamento da Gran Vía con Urzaiz para protestar ao berro de “Vitrasa solución” e “Menos luces e máis autobuses” nun acto de presentación das luces do Nadal no que estivo presente o alcalde.  

 Dende a representación sindical detallaron que as medidas de presión que comezarán o próximo luns 18 e que se prolongarán até lograr que as demandas do persoal sexan atendidas  consistirán en paros parciais en determinados tramos horarios, mais tamén en xornadas de folga completas, como a prevista para o venres 22 de setembro. Ese día desenvolverán tamén unha manifestación que arrincará dos Choróns ás 19:00 horas e rematará na praza de Compostela.  

 “Lamentamos o inmobilismo da dirección e do Concello, que tras dous anos de conflito nun servizo esencial para a cidadanía non se preocuparon por intentar atopar unha solución”, sinala o comité. Ao mesmo tempo, indican que “semella que a empresa se atopa cómoda cuns servizos mínimos feitos a medida polo Goberno local, os que eliminan as liñas do extrarradio, as máis deficitarias economicamente, mentres que as que teñen maior volume de viaxeiros/as atópanse practicamente ao 100%, aumentando así a rendibilidade da explotación”. 

 Finalmente, inciden en que a falta de acordo entre o Concello e a dirección da compañía está a provocar a cronificación do conflito, prexudicado gravemente a cidadanía. “Cando o propio alcalde nos asegurou hai catro meses que o reequilibrio económico que esixe Vitrasa era inminente”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario