16 de nov. de 2024

EMPREGO

Abertos os procesos selectivos do obradoiro dual de emprego ‘O noso patrimonio’ 

As convocatorias son para persoal directivo, docente, de apoio e alumnado traballador

  



Infogauda / O Rosal / Tomiño

 Xa está en marcha o proceso selectivo para participar no Obradoiro de Emprego “Roteiros Etnográficos O Rosal-Tomiño”, un proxecto impulsado conxuntamente polos dous Concellos para formar en albanelería e carpintaría a 20 persoas desempregadas que contribuirán á recuperación de bens patrimoniais locais. Este obradoiro, cofinanciado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, comezará o 2 de decembro, e as solicitudes están dispoñibles nas sedes electrónicas dos dous Concellos.  

 As persoas seleccionadas como alumnado participarán nunha formación de 1.200 horas que combina teoría e práctica, cun contrato remunerado durante os 9 meses que durará o programa. Ademais do estudantado, os procesos selectivos abranguen a contratación de persoal directivo, docente e de apoio administrativo. A formación realizarase no centro da Mata no Rosal, e incluirá prácticas de restauración en espazos como os Muíños do Folón e do Picón e o Camiño de San Vicente, no Rosal, ou o muíño e lavadoiros de Goián, en Tomiño.  

 As persoas interesadas deberán estar inscritas como demandantes de emprego na Oficina de Emprego de Tui, que será a encargada de convocar a todas e todos os aspirantes. Os modelos e anexos editables a presentar en caso de ser seleccionadas ou seleccionados poderán atoparse nas sedes electrónicas municipais.  

Sede electrónica do Concello do Rosal 

Sede electrónica do Concello de Tomiño

Ningún comentario:

Publicar un comentario