12 de nov. de 2024

A GUARDA

A Xunta de Galicia leva a cabo melloras por valor de 90.000 euros nos CEIP A Sangriña e Manuel Rodríguez Sinde 

As obras permitiron mellorar a instalación eléctrica e instalar luminarias LED no CEIP A Sangriña

No CEIP Manuel Rodríguez Sinde estase a levar a cabo unha actuación de mellora da fontanería e do sistema de ventilación do centro


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, visitou, xunto ao director territorial de Educación; o alcalde de A Guarda, e membros do goberno municipal, o CEIP A Sangriña e o CEIP Manuel Rodríguez Sinde

Foto: X.G.

Infogauda / A Guarda

 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera Ocampo, visitou, xunto ao director territorial de Educación, Cesar Augusto Pérez Ares; o alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, e membros do goberno municipal;  o CEIP A Sangriña e o CEIP Manuel Rodríguez Sinde, no concello de A Guarda.  

 No primeiro dos centros a Xunta de Galicia levou a cabo unha actuación de mellora da instalación eléctrica e da iluminación, por valor de preto de 50.000 euros.   

 Neste sentido, o delegado territorial explicou que esta actuación “non so permitirá mellorar a iluminación, senón que grazas á instalación de luminarias LED, tamén se mellorará a eficiencia enerxética do edificio”.   

 Cabe destacar que nos últimos dez anos leváronse a cabo actuacións por valor de 430.000 euros neste centro. Unha das máis importantes foi a de substitución das carpinterías do edificio, que se realizou o ano pasado e que contou cun orzamento de preto de 260.000 euros.    

 Finalizado o percorrido polo CEIP A Sangriña, o delegado e o director territorial de Educación trasladáronse ao CEIP Manuel Rodríguez Sende, onde a Xunta está a realizar unhas obras de mellora da fontanería e do sistema de ventilación do centro.

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica 

 Cabe destacar que segue en marcha o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, unha iniciativa que entre o ano 2021 e o 2024 permite levar a cabo case 2.700 obras en centros educativos de todo o territorio galego, mobilizando máis de 278 millóns de euros.   

 Na provincia de Pontevedra este Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica permitiu realizar  un total de 613 obras, entre 132 grandes obras cun investimento de 63,2 millóns de euros; 460 obras pequenas e medianas por valor de 14,2 millóns de euros; e 21 instalacións fotovoltaicas que supuxeron un investimento de máis de medio millón de euros. A maiores, hai 21 actuacións comprometidas que aumentarán en case 22 millóns de euros o investido neste plan na provincia de Pontevedra. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario