A Xunta de Galicia inviste preto de 7 M € en obradoiros de emprego teórico-prácticos que beneficiarán 260 alumnos da área territorial de Pontevedra
O delegado territorial destacou o compromiso da Xunta co fomento do emprego e a importancia de axudar aos desempregados no seu primeiro contacto co mundo laboral
Os obradoiros formarán ao alumnado en oficios cunha alta demanda de traballadores como a hostalería, a carpintería ou a albanelería
Infogauda / Pontevedra
A Xunta de Galicia vén de aprobar a realización de 13 obradoiros de emprego duais na área territorial de Pontevedra que contarán cun investimento total de preto de 7 millóns de euros.
A comisión de valoración dos obradoiros de emprego duais reuniuse a semana pasada para dar luz verde á realización de 13 dos 14 proxectos presentados que buscan fomentar a empregabilidade dos galegos e galegas. En total, estes cursos, que mesturan a formación teórica coa práctica, beneficiarán 260 persoas que sairán mellor preparadas para empregarse en sectores cunha alta demanda de man de obra, como a hostalería, a albanelería, a carpintería ou a pesca.
Cabe destacar ademais que seis destes proxectos contan cun compromiso de contratación, unha medida que sumaba puntos no concurso e que asegurará un posto de traballo a 70 alumnos. Para elo, os concellos que ofrecen esta posibilidade contan cun fondo de incentivo á contratación que suma máis de 70.000 euros.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, destacou a gran importancia destes obradoiros que “xa o pasado curso axudaron a centos de persoas e que este ano volverán supoñer un gran apoio para todos os participantes”.
Entre os concellos que solicitaron esta axuda destacan varios da comarca do Salnés, como Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Cambados, O Grove, ou a Mancomunidade do Salnés. Entre todos eles suman máis de 2,6 millóns de euros de apoio autonómico para esta iniciativa.
Tamén terán un obradoiro de emprego dual os concellos de Ponteareas; Poio; A Guarda; Tui; Marín; Moraña, que se asocia ao concello de Valga; Lalín e Salceda de Caselas.
Reguera lembrou o gran compromiso da Xunta co fomento do emprego e con ofrecer ferramentas útiles que axuden á formación de todos os que o precisen. “Estes investimentos teñen un gran impacto na vida das persoas. Non só porque poden aprender un oficio, ou mellorar as habilidades que xa teñen, senón porque as poñemos directamente en contacto co mundo laboral e sabemos que moitas veces iso é o máis difícil”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario