A XUNTA DE GALICIA IMPULSA DOUS NOVOS PLANS DE SUSTENTABILIDADE TURÍSTICA QUE POTENCIARÁN A ENOGASTRONOMÍA LOCAL EN 14 CONCELLOS DA RÍA DE VIGO E BAIXO MIÑO CON 2,5 M€
• O Consello autoriza dous convenios de colaboración que permitirán implantar estas medidas para reforzar a competitividade na Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui
• Estas follas de ruta inclúen o reforzo ás festas gastronómicas, ás actividades vinculadas ao mar, a creación de rutas cicloturistas, a dixitalización ou sinalización intelixente, entre outras
• Ambos forman parte do Plan territorial enogastronomía de Galicia que ten un investimento de máis de 34M € e inclúe 13 estratexias de sustentabilidade en destino a desenvolver en 80 concellos galegos, cuxo investimento estará 100 % mobilizado a finais de ano.
Infogauda / Pontevedra
O Consello da Xunta autorizou hoxe a subscrición de dous convenios de colaboración para promover un turismo sustentable baseado nos recursos enogastronómicos de 14 concellos da ría de Vigo e do Baixo Miño cun investimento de 2,5M €. Os convenios permitirán a posta en marcha de dous plans de sustentabilidade turística en destino que incluirán medidas de mellora da eficiencia enerxética, avances cara a transición dixital ou o impulso a determinados recursos turísticos naturais e gastronómicos locais para reforzar a súa competitividade como destino.
Convenio entre Turismo de Galicia e o Concello de A Guarda
Así, por unha banda, acordouse a subscrición do convenio entre Turismo de Galicia e o Concello de A Guarda para o seu Plan de sustentabilidade turística cun investimento de 1 millón de euros ata 2025. Entre as actuacións previstas inclúe a potenciación das súas festas gastronómicas e o impulso de actividades vinculadas cos recursos do mar, como visitas turísticas ás lonxas. Tamén se prevén medidas para favorecer a transición verde e sustentable con melloras de xestión de residuos en festas gastronómicas ou a protección e rexeneración do ecosistema dunar da praia do Forte (Camposancos). Aplicaranse, tamén, accións de eficiencia enerxética nalgúns dos seus recursos turísticos como o Museo do Mar ou a Senda do Trega e afondarase na dixitalización da comercialización dos servizos turísticos municipais, entre outras.
O Consello da Xunta autorizou tamén outro convenio coa Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural para desenvolver o Plan de sustentabilidade turística co nome Despensa de Galicia no xeodestino ría de Vigo e Baixo Miño, que, ademais da Guarda tamén inclúe os concellos de Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui. Ten un investimento de 1,5M € ata 2025 e, entre as accións previstas, inclúense actividades como a creación de rutas cicloturistas en entornos enograstronómicos, un plan de sinalización intelixente, a creación de contidos dixitais vinculados á enogastronomía, a posta en marcha dunha rede de miradoiros e fomento do turismo astronómico ou a creación de produtos de turismo industrial vencellado á gastronomía, entre outras.
Aumentar a competitividade
Ambos plans están incluídos no Plan territorial de sustentabilidade turística enogastronomía de Galicia que a Xunta de Galicia está a executar con fondos europeos Next Generation por importe de 34,5M € ata o 2025 para aproveitar o financiamento europeo no camiño á transformación dixital e o incremento da competitividade dos destinos turísticos, baixo criterios de eficiencia e aproveitamento dos recursos.
A posta en valor dos territorios vitivinícolas, a mellora da comercialización e da promoción de novos produtos turísticos vinculados á enogastronomía galega, a promoción da xestión sustentable son os obxectivos arredor dos cales se vertebra, cun forte contido na dixitalización e na innovación.
Este plan territorial galego inclúe a posta en marcha de medidas transversais destinadas ao sector de todo o territorio como axudas ao embelecemento e adecuación dos establecementos de produción enolóxica e alimentaria ou a potenciación da mobilidade sustentable, entre outras. Entre os compromisos do plan está, ademais, a posta en marcha de 13 plans de sustentabilidade turística en destino dos que se benefician un total de 80 concellos galegos e dos que xa foron autorizados en Consello da Xunta a sinatura con 8 diferentes entidades locais encargadas da súa execución por importe de 11,6 millóns de euros. A finais de ano está previsto que estea mobilizados o 100 % do orzamento destinado a estes plans, un total de 19,6 M€ (17M € dos plan territorial e 2,6M € do Plan nacional).
Ningún comentario:
Publicar un comentario