Abertas as inscricións para o Trail do Trega 2023
• A proba deportiva terá lugar no Monte Santa Trega, de A Guarda o vindeiro 19 de novembro
Infogauda / A Guarda
Comeza a conta atrás para unha nova subida ao Monte Santa Trega, de A Guarda, pois xa están abertas as inscricións para participar na carreira dos famosos castros celtas, sendo esta a terceira e última proba da competición correspondente á Pontevedra Trail League 2023, tralas do Monte Aloia e a dos Muíños do Folón. Por iso, os que aspiren a gañar a “liga” terán que loitar por ocupar os primeiros postos.
Nesta décima edición haberá algunhas novidades, a primeira, as dúas distancias, 12 km con 450 metros de desnivel positivo para o Mini-trail e 19 km con 900 metros de desnivel para o Grand Trail. Ámbos os dous, por primeira vez, sairán á mesma hora, compartindo parte do percorrido.
A segunda novidade é o límite de prazas, 200 para cada unha das probas, xa que o Monte Santa Trega é un ben patrimonial e non pode, nin debe, estar saturado de corredores.
A terceira novidade, unha gran sorpresa para todos/as, que será comunicada pola organización cando nos acheguemos un pouco ao propio día do evento.
Cabe lembrar que o sábado 18 de novembro terá lugar unha andaina popular para as persoas que o desexen, previa inscrición.
Os deportistas que xa participaron en anteriores edicións coñecen ben as fabulosas vistas que ofrece o Monte Santa Trega, o segundo lugar máis visitado de Galicia, só por detrás da catedral de Santiago. Os que se apunten por primeira vez descubrirán unha experiencia única “ver as augas do Océano Atlántico e do río Miño bañando a vila guardesa”, unha imaxe que sempre se lembra e queda para o recordo.
Por iso ata as 23:59 horas do día 15 de novembro, os que o desexen poderán anotarse para participar no X Trail do Trega 2023, a través da páxina web.
Ningún comentario:
Publicar un comentario