O Rosal encherase de artesanía, gastronomía e deseño co seu Mercado de Nadal
O Concello abrirá o vindeiro luns 11 de novembro, o prazo de inscrición para participar neste encontro que se celebrará os días 6, 7 e 8 de decembro
Infogauda / O Rosal
O Rosal prepárase para encher de artesanía, gastronomía e moita creatividade o seu Nadal. O Concello abrirá o vindeiro luns 11 de novembro o prazo de inscrición para participar no tradicional Mercado de Nadal, un espazo de referencia nestas datas. “Este mercado representa unha oportunidade única para visibilizar o traballo e o talento creativo e innovador das persoas da nosa vila, especialmente nun momento tan sinalado do ano”, como sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
O tradicional Mercado de Nadal do Rosal abrirá as súas portas os días 6, 7 e 8 de decembro no salón de exposicións do Concello, ata onde o público poderá achegarse de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas.
Como en edicións anteriores, haberá un máximo de 15 postos que se concederán por estrita orde de entrada da solicitude. Ademais só se concederá un posto por participante, que deberá traer a súa propia instalación e decoración e que deberá ser o máis atractiva posible e adaptada á temática da época de Nadal.
As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude ata o vindeiro 25 de novembro no Rexistro do Concello, xunto coa documentación correspondente, incluíndo o DNI, carné de manipulador de alimentos (se fose necesario) e unha declaración responsable. O evento está aberto a asociacións sen ánimo de lucro, produtores gastronómicos (repostería, mel, queixos, marmeladas, turróns,...) e artesáns de diversos sectores, sempre que a súa instalación estea en sintonía co ambiente festivo e de nadal.
O Concello do Rosal agarda con ilusión un Mercado de Nadal que non só fortaleza o comercio local senón que contribúa a crear un ambiente único de creatividade, cultural, desfrute e lecer entre a veciñanza e os visitantes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario