O Concello de Oia perde unha subvención de 30.000 euros para a Ruta Máxica
• Gerardo Rodríguez (portavoz do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE) lamenta, unha vez máis, que os poucos cartos que chegan ao municipio se deixen sen executar e se perdan desta forma, esixíndolle responsabilidades á alcaldesa Cristina Correa
Infogauda / Oia
Mediante unha nota de prensa recibida este martes día 12 de setembro de 2023, na Redacción deste xornal dixital transfronteirizo, o PSdeG-PSOE de Oia volta a pór de manifesto “a falla de interese e preocupación existente no grupo de goberno encabezado por Cristina Correa”, ante o que consideran, “un novo capítulo no despropósito do PP municipal”.
Segundo se indica na devandita nota, “o Concello de Oia presentouse en marzo deste ano 2023 a unha subvención de Turismo de Galicia baixo o procedemento TU503D para mellorar a sinalética existente na Ruta Máxica de Oia, unha subvención dedicada a concellos de menos de 10.000 habitantes para a mellora de infraestruturas turísticas.
Fai uns días o Concello de Oia presentou unha alegación, pedindo unha prórroga nos prazos para xustificar dita subvención (que xa estaba aceptada e aprobada), alegando que, como esta sinalización afecta a elementos patrimoniais é obrigatorio pedir autorizacións a Patrimonio, co seu correspondente control arqueolóxico e musealización das pezas en caso de ser necesario.
Turismo de Galicia respondeu ao Concello de Oia denegando esta prórroga, indicando que os prazos foron iguais para todas as entidades solicitantes e que cando os concellos optan a este tipo de subvencións teñen é recomendable ter unha planificación dos proxectos realizada con antelación para evitar os atrancos que aconteceron”.
Para o PSdeG-PSOE de Oia “esta situación volta a pór de manifesto a deixadez e improvisación que ven caracterizando ao goberno local do PP de Cristina Correa, obtando a unha subvención sen estar preparados para asumir o que se esixe na mesma en tempo e forma”.
O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Gerardo Rodríguez Refojos, considera “unha vergoña que Oia perda 30.000€ para un dos elementos turísticos máis importantes existentes no municipio, como é a Ruta Máxica de Oia, e moito máis sendo desta maneira, por deixadez e por falla de planificación”. Engade que “Cristina Correa continúa a botar balóns fora, botándolle as culpas a Patrimonio, cando a responsabilidade total é do equipo de goberno, tal e como lle contestou Turismo de Galicia, por non ter unha planificación axeitada dos proxectos sobre os que se ía a actuar nesta subvención solicitada e que foi denegada”.
Gerardo Rodríguez lamenta, “unha vez máis, que os poucos cartos que chegan ao municipio se deixen sen executar e se perdan desta forma”, esixíndolle “responsabilidades á alcaldesa Cristina Correa, que deberá explicarlle agora a todos os veciños e veciñas de Oia a verdade da perda desta importante subvención”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario