12 de set. de 2023

A GUARDA

AÍ VÉN A ROMARÍA DE SANTA TREGA

Celebrarase o sábado día 23 de setembro (festivo local)


Vista da ermida de santa Trega, nunha edición precedente da festividade da protomártir
Foto: Infogauda

 Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 A veciñanza do concello de A Guarda e da súa contorna, prepárase para celebrar o sábado día 23 de setembro (festivo local) a romaría de santa Trega, unha antiga conmemoración que a pandemia da Covid-19 interrompeu, e que recuperouse en 2022. 

 A celebración, que ten un carácter relixioso e tamén festivo, congregará no monte Santa Trega a centenares de devotos de santa Trega, mártir natural de Iconio - na rexión de Anatolia (Turquía) -, discípula de san Pablo, é avogada das doenzas da cabeza e do corazón, así como do cancro óseo.

 Dende primeira hora da mañá a ermida de santa Trega acollerá a celebración de misas ás 8:00, 9:00 e 10:00 horas; e posteriormente, ás 11:30h, a solemne - presidida polo bispo da diocese de Tui-Vigo, Luis Quinteiro Fiuza -, con ofrenda - que será presentada polo alcalde do Concello de A Guarda e deputado provincial, Roberto José Álvarez Carrero -, sermón e procesión.  A misa solemne será cantada pola Agrupación Coral Polifónica de A Guarda.

 Ao remate da procesión - na que acostuman participar moitas persoas de todas as idades, ataviadas con traxes típicos galegos - celebraranse no púlpito ao aire libre, as tradicionais "poxas dos froitos" - do agro e do mar -, vestixio da época medieval, que culminará co sorteo dunha monumental torta. Chámase regueifa e está formada por roscas de diferentes diámetros, colocadas de maior a menor, formando varios andares. A regueifa, ademais da tradición que ten de por sí, gañada ao longo de moitos anos, sempre agocha no seu interior algún premio importante para a persoa agraciada no sorteo.

 A continuación vén o momento do tradicional xantar enxebre, onde as familias e grupos de amigos, xúntanse para comer, e logo da sobremesa, cantar e bailar ata a tardiña, o son das gaitas, acordeóns, pandeiretas e tamboríis.

 "Dende o Concello de A Guarda recórdase á poboación o deber de respectar o noso patrimonio, sinal de identidade do noso pobo, evitando o maltrato dos bens, ou acceder a zonas patrimoniais coma a citania do monte Santa Trega. Unha ocupación da zona delimitada pode provocar agresións que causen danos nas estruturas deste espazo protexido, un dos lugares máis visitados de Galicia e cun valor patrimonial e arqueolóxico único", indicaron desde o equipo de goberno municipal. 

 "A maioría da poboación é consciente - afirman fontes municipais - que o xacemento castrexo do monte Santa Trega é un tesouro para A Guarda e para Galicia, e tamén que debemos dar unha imaxe acorde coa súa importancia e valor. Por parte do Concello e do Padroado Municipal monte Santa Trega seguiremos traballando para concienciar a poboación no respecto polo patrimonio, lembrando que é tarefa de todos mantelo en boas condicións." 

Ningún comentario:

Publicar un comentario