O Rosal pon a punto os seus centros escolares para o inicio de curso
O Concello realizou diversos labores de mantemento para que o alumnado regrese ás aulas cunhas instalacións melloradas
Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
Todo listo para a volta ás aulas no Rosal. O Concello está a ultimar as obras para a posta a punto dos centros escolares rosaleiros, levando a cabo todos os traballos de mantemento necesarios “para que rapaces e rapazas inicien o curso cunhas instalacións melloradas”, como sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A rexedora e os concelleiros de Educación e de Obras, José Carlos Martínez Crespo e Germán Fernández, visitaron estes días os distintos centros para ver o avance dos traballos.
O Concello realizou diversas accións de mellora nas últimas semanas, entre as que destacan todos os traballos de mantemento de patios, desbroce, revisión da instalación eléctrica ou limpeza que se levan a cabo cada ano para ter todo listo no inicio do curso.
Ademais, pintáronse un total de 10 aulas do CPI Manuel Suárez Marquier e do CRA María Zambrano, no que tamén se colocaron quentadores e timbres en todas as unitarias. No CPI os traballos de pintura incluíron a preparación do hall da entrada para a realización dun mural.
Por outra banda, na escola de Fornelos procedeuse ademais á mellora da accesibilidade do acceso ao centro, así como a reparación dun muro adxacente. En Pías o Concello procedeu a mellorar o chan da escola infantil, así como á súa limpeza e encerado. Precisamente este centro foi a primeira escola unitaria transformada de forma integral en termos de eficiencia enerxética, buscando a recuperación de edificacións municipais de gran valor patrimonial no camiño da sostibilidade ambiental e dun maior confort de alumnado e equipo docente.
Ese camiño continúao agora a escola unitaria de Tabagón, que o Concello está en proceso de reforma para convertelo na sede do CRA María Zambrano reorganizando espazos, modernizando as instalacións educativas e mellorando a súa eficiencia enerxética. Estas obras terán un custo de 600.000 euros cofinanciado con fondos europeos que o Concello captou a través do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP Local), enmarcado no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.
Para poder levar a cabo estes traballos sen interferir no curso escolar, o Concello fixo un grande esforzo para a rehabilitación estrutural da Escola Unitaria das Eiras, que este ano acollerán ao alumnado procedente de Tabagón. Cun investimento de case 41.000 euros, procedeuse a mellorar cuberta e interiores, renovouse o tellado, rematáronse os aseos e cambiáronse fiestras contribuíndo á maior eficiencia enerxética e confortabilidade dun edificio de 1955 deteriorado polo paso do tempo que nun futuro destinarase a uso da veciñanza e do tecido asociativo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario