15 de set. de 2023

DEPORTES

BALONMÁN

DHF FEMININA

O Mecalia Atlético Guardés visita ao Super Amara Bera Bera, campión da Supercopa Ibérica  

 O encontro terá lugar mañá sábado 16 de setembro, ás 19:00 horas, no Polideportivo Municipal José Antonio Gasca, en Donostia 

 O Mecalia Atlético Guardés tratará de manter as boas sensacións que mostrou ante o Motive.Co Xixón BM A Calzada 

 Elena Amores: “Sabemos que o Bera Bera é un equipo forte, pero co que podemos competir” 


Foto: M.A.G.

Redacción / Deportes

 O Mecalia Atlético Guardés enfrontarase mañá sábado, 16 de setembro, ao Super Amara Bera Bera no duelo correspondente á terceira xornada da liga Guerreiras Iberdrola. O partido terá lugar ás 19:00 horas no Polideportivo Municipal José Antonio Gasca.  

 Ambos os dous equipos chegan igualados a puntos na clasificación (o Bera Bera disputou un único partido) e tras cultivar unha vitoria nos seus últimos enfrontamentos. O conxunto de A Guarda venceu con suficiencia ao Motive.Co Xixón BM A Calzada e o cadro vasco proclamouse campión da Supercopa Ibérica o pasado sábado.  

 O conxunto do Baixo Miño tentará lograr a súa primeira vitoria do curso como visitante e seguir coas boas sensacións do último encontro.  

 Cristina Cabeza poderá contar con todas as súas xogadoras para este esixente choque, fóra de Andreza Almeida, que aterrará en España a próxima semana, e da catalá Júlia Nuez, que continúa recuperándose da súa lesión.  

 A capitá, Míriam Sempere, incorpórase ao equipo tras xogar estes últimos días os Xogos Mediterráneos de Praia, en Heraklion (Grecia), unha competición na que se levou o ouro coa Guerreiras Area.  

Elena Amores: “Sabemos que o Bera Bera é un equipo forte, pero co que podemos competir” 

 Elena Amores, unha das xogadoras destacadas do último partido ligueiro, móstrase ambiciosa antes do duelo fronte ao Bera Bera: “Sabemos que o Bera Bera é un equipo forte, pero co que podemos competir”.  

 A xogadora de Petrer destaca as “boas sensacións” que tiveron fronte ao Motive.Co Xixón e o “bo sabor de boca” que lles deixou o partido. Por último, sinala que ve ao equipo “adestrando moi ben e con moitas ganas de competir contra todos”.  

AXENDA  

Liga Guerreiras Iberdrola 

Xornada 3 

Super Amara Bera Bera – Mecalia Atlético Guardés 

Sábado, 16 de setembro, ás 19:00 horas, no Polideportivo Municipal José Antonio Gasca. 

En directo, pola canle de YouTube do Bera Bera.

Ningún comentario:

Publicar un comentario