28 de set. de 2023

A GUARDA

A presentación da curta “Antes de que se poña o sol”, de Nani Matos, tivo lugar na Casa do Concello

 Como acto previo a súa proxección ao aire libre, este venres día 29 de setembro, ás 21:30 horas, no barrio de “O Palomar”, en Camposancos

  

Nani Matos - 2º pola der. - co alcalde de A Guarda; a alcaldesa pedánea da Entidade Local Menor de Camposancos; o concelleiro de Cultura e Deportes; e o concelleiro de Educación e Xestión de Eventos Deportivos, na presentación da curta, no salón de plenos da Casa do Concello de A Guarda 

Foto: C.A.G.


Infogauda / A Guarda

 Na mañá deste xoves, 28 de setembro, no salón de plenos do Concello de A Guarda, realizouse a presentación da curta “Antes de que se poña o sol” de Nani Matos Barcia (Camposancos - A Guarda, 1966).

 Nese acto participaron o alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero; a alcaldesa pedánea da Entidade Local Menor de Camposancos, Mª Mercedes Martínez Vázquez; o concelleiro de Cultura e Deportes, Celso Rodríguez Fariñas; o concelleiro de Educación e Xestión de Eventos Deportivos, Aser Estévez Cividanes; e o actor, cineasta, director, guionista e músico, Nani Matos.

  “Antes de que se poña o sol” podermos ollala este venres, 29 de setembro, ás 21:00 horas - baixo a luz da Lúa chea, en conxunción con Saturno - no barrio de “O Palomar”, en Camposancos, Unha proxección ao aire libre - con entrada para todos os públicos -  que vai ser especial por ser Camposancos o pobo de nacemento do seu director. Nani actualmente reside en Pontevedra pero mantén unha estreita relación coa Guarda e o Baixo Miño. Na proxección tamén contaremos coa música en vivo de Bieitosolo. 

 Antes de que se poña o sol é unha curtametraxe escrita e dirixida por Nani Matos. Rodouse na parroquia de Rebordáns (Negreira), no mes setembro de 2022 e conta cun elenco formado por Mela Casal, Victoria Teijeiro, Machi Salgado, Teté García, Xosé M. Esperante, e o propio Nani Matos onde participa por primeira vez como actor nunha curta na que tamén a dirixe. Poderemos ver ademais o debut no cinema da xoven Sabela Rodríguez. Unha prometedora actriz da Guarda que o propio Nani descubriu en Camposancos.   

 Esta curtametraxe estreouse o 30 de xuño no Teatro Principal, de Pontevedra. No pequeno percorrido que leva xa acadou 5 premios e preto de 20 seleccións en festivais como, o Festival Internacional de Cortometrajes de Berriozar, en Navarra, o Festival Internacional de Cine Social de Toledo ou mesmo o Festival Primavera do Cine, en Vigo, onde acadou o Premio á Mellor Curtametraxe. No mes de outubro estréase internacionalmente no Festival de Cine de Hendaia, en Francia.  

 A Facultade de Belas Artes de Pontevedra colaborou coa curtametraxe, onde algúns dos alumnos vencellados á aula de audiovisuais, participaron nos distintos departamentos da curta.  

 Nani Matos é actor, director e guionista, e este traballo supón a súa cuarta curtametraxe. Dirixiu as curtametraxes Dies dei (2009), Flores para Amalia (2013) e Lurna (2016), acadando entre elas máis de 200 seleccións nacionais e internacionais e preto de 50 premios. Lurna é a súa curta máis premiada e estivo seleccionada en máis de 25 países. Nani Matos desenvolve, actualmente, a súa actividade na escritura de varios proxectos.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario