No centenario do seu nacemento
JOSÉ MARINO GONZÁLEZ DE LA CONCEPCIÓN (“PEPE SANTEIRO”): UN GUARDÉS NADO PARA A MÚSICA
• Dirixiu a Banda de Música de Tabagón (O Rosal), a Banda de Música Unión Musical de Mougás (Oia), a Agrupación Coral Polifónica de A Guarda e a Coral Polifónica do Club da Terceira Idade e Pensionistas de A Guarda
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Fillo de Teresa e de Augusto, naceu en Salcidos, o - mércores - día 18 de xullo de 1923, no seo dunha familia modesta, de orixe portuguesa. Chamábase José Marino González de la Concepción, aínda que todo o mundo coñecíao amical e cariñosamente, como “Pepe Santeiro”.
A biografía de José Marino está vinculada á música desde que con 9 anos de idade interésase por esa arte. Do seu pai, que xa practicara esa forma de expresión artística, recibe os primeiros ensinos. As circunstancias laborais do seu proxenitor, ao non poder proseguir as clases, motivaría que lle encomende ese labor ao profesor Alfonso Ulloa, residente no Rosal.
As actitudes de José Marino para a música motivarían que con 12 anos ingresase nunha agrupación que figura na memoria da Guarda do pasado século: a Charanga de D. Remigio Conde. Da devandita formación tamén eran membros o pai e un dos irmáns de José Marino, que iniciou a súa participación na mesma, cun instrumento prestado.
En 1936, cando José Marino contaba con 13 anos de idade, o seu pai, facendo un esforzo económico moi importante, pero consciente das calidades que o seu fillo mostraba para a música, cómpralle unha trompeta que custou 150 pesetas. Todo un diñeiral por aquel entón.
Con 18 anos de idade, José Marino solicita praza na prestixiosa Banda de Música de Tabagón, dirixida por D. Pablo Piedra González. Na devandita formación permanecería José Marino ata o ano 1965, época na que contaba con 42 anos de idade. Durante este período de tempo, José Marino desempeñou na banda de música de Tabagón, os seguintes postos: Trompeta, Bombardino, Saxo alto, Requinta e finalmente – durante dous anos - director.
Compatibilizando outras ocupacións profesionais que desempeñou durante a súa época de actividade laboral, coa súa gran afección musical, formou parte das orquestras “La Palomita”, de D. Antonio López “O Portugués” e “Tino Jazz”, de D. Faustino, o perruqueiro, chegando a organizar a súa propia orquestra – “Dandi” -, na que se familiarizou co acordeón, á vez que se dedicou ao ensino cun total de 14 alumnos, sendo un pioneiro na difusión deste instrumento na Guarda.
Desaparecida a Banda de Música de Tabagón, debido fundamentalmente ao éxodo de moitos compoñentes – do mesmo xeito que outros moitos veciños do Rosal e da Guarda -, a outras zonas, dentro e fóra de España, onde había máis emprego naquela época; en 1966, con 43 anos de idade, José Marino González de la Concepción ingresa na Banda de Música Unión Musical de Mougás – venerable agrupación fundada no ano 1880 -, que por aquel entón dirixe D. Alsirio Fernández Rodríguez. Na devandito formación, José Marino desempeñou a praza de Requinta, Subdirector e – no ano 1990, debido á enfermidade e posterior falecemento de D. Alsirio Fernández Rodríguez - de director, prestando os seus servizos na mesma ata ese ano. Foi entón cando decidiu deixar a súa actividade musical, entregando a batuta a Gabriel Rodríguez Rodríguez, novo director da Banda de Música Unión Musical de Mougás, acto que tivo lugar na celebración de Santa Cecilia.
Entre a desaparición da banda de música de Tabagón e a incorporación de José Marino na banda Unión Musical de Mougás, Pepe Santeiro formou a súa propio conxunto musical – “Los Témpores” -, integrado por compoñentes da súa familia.
Tamén foi compoñente da Rondalla do Recreo Artístico Guardés; dirixiu o Coro Parroquial da Guarda e a proposta da organista Carmiña López, que lle suxeriu que para ben do coro sería necesario baixarlle a certas partituras punto e medio (terceira menor), José Marino puxo en práctica a transposición.
José Marino González de la Concepción foi co-fundador e primeiro director da Agrupación Coral Polifónica de A Guarda, entidade á que pertenceu ata 1991, en que cesou voluntariamente. Nese mesmo ano, José Marino González de la Concepción foi homenaxeado na Guarda. No acto, que tivo lugar no desaparecido Teatro Cinema “Avenida”, e no que rexistrou un cheo total, colaboraron as seguintes agrupacións: Banda de Música Unión Musical de Mougás, Banda de Música Agrupación Musical do Rosal, Coro Arpegios e Agrupación Coral Polifónica de A Guarda, dirixidas por Gabriel Rodríguez Rodríguez, José Vicente Simeó Máñez, José Luis Lorenzo Rodríguez e José Marino González de la Concepción, respectivamente.
A inquietude musical de José Marino – que tamén formou parte do grupo musical “Dominante” - levaríalle a fundar no ano 1993, cando contaba con 70 anos de idade, a Coral Polifónica do Club da Terceira Idade e Pensionistas de A Guarda, entidade que deixaría tres anos despois, debido a problemas de saúde.
Con 75 anos de idade, José Marino sente coa vitalidade necesaria como para seguir en activo, polo que en 1998, consciente de que a música forma parte vital da súa ser, reúnese con varios amigos e alumnos seus para formar un novo conxunto musical: Grupo Marino.
Desde o mesmo día da súa presentación en público, o Grupo Marino ofrece unha selección musical amena e moi adecuada para recitais, reunións e actos culturais. Todo o repertorio que ofrece o Grupo Marino ao respectable, está arranxado e harmonizado polo seu director, José Marino González de la Concepción.
De todo o que acabamos de sinalar, en obrigada síntese, por razóns de espazo, chegamos á conclusión que José Marino González de la Concepción foi, sen ningún xénero de dúbidas, un guardés nado para a música, como o acredita a súa dilatada e activa traxectoria ao servizo da Cultura, e en especial, da divulgación musical. Un labor, que ben merece destacarse e recoñecerse por parte de quen corresponda.
José Marino González de la Concepción faleceu no Hospital do Meixoeiro, de Vigo, ás 5:00 horas, do - mércores - día 28 de xullo de 2010. Seus restos mortais repousan no cemiterio parroquial de A Guarda.
Ningún comentario:
Publicar un comentario