O Rosal abre de novo as portas do seu Espazo Crianza
• O Concello ofrece este servizo de acompañamento na crianza para embarazadas e familias con bebés de 0 a 6 meses
• Comeza o 11 de outubro e será de balde con inscrición previa
Infogauda / O Rosal
O Concello do Rosal abre un curso máis o seu Espazo Crianza, un lugar de encontro co que acompañar a mulleres embarazadas e familias con bebés de 0 a 6 anos na crianza de nenos e nenas. Como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, con este espazo “ofrecemos a nais e pais unha canle de comunicación, de información e de aprendizaxe sobre o desenvolvemento infantil, así como de resolución de inquedanzas para unha crianza sen culpas e sen xuízos nin prexuízos”.
A actividade será de balde e comezará o vindeiro mércores 11 de outubro. As clases continuarán os mércores 25 de outubro, 8 e 22 de novembro e 13 e 27 de decembro e estarán divididas en dous grupos: o de embarazadas, con horario de 10.30 a 11.45 horas, e outro para familias e bebés de 12.00 a 13.15 horas.
En cada sesión abordaranse diferentes temáticas a través de contidos teóricos e dinámicas de grupo e prácticas que se adaptarán ás necesidades das persoas participantes para un encontro enriquecedor e didáctico.
No grupo de ‘Acompañamento na xestación consciente’ afondarase na preparación para un parto feliz, falando dos cambios físicos e psicolóxicos que se producen durante o embarazo, con exercicios para un embarazo activo, o mapeo do ventre e falando do plan de parto. Tamén se referirá ao parto consciente, ensinando posturas facilitadoras e métodos de alivio da dor, e ao posparto en compañía.
Nos encontros para familias e bebés traballarase nunha crianza respectuosa nas que nais e pais aprenden a entender ao neno ou nena e as súas necesidades. Ademais de falar das primeiras horas de vida e das probas de cribado dos primeiros días e dos hábitos hixiénicos, tamén se abordarán cuestións como a alimentación do bebé ou a estimulación para o seu desenvolvemento.
As persoas interesadas en participar deberán facer unha inscrición previa a través do formulario dispoñible na web.
Ningún comentario:
Publicar un comentario