10 de ago. de 2023

TOMIÑO

Unha unidade móbil de doazón de sangue estará este venres en Goián  

Estará situada na parada do bus, na Carballeira, de 16:00 a 21:00 horas  




Infogauda / Tomiño

 Goián recibirá mañá venres día 11 de agosto,  a visita dunha unidade móbil da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue esta semana. O autobús da Axencia situarase na parada de autobús (na Carballeira) durante toda a tarde, en horario de 16:00 a 21:00 horas, para todas aquelas persoas que desexen achegar a súa pinga de solidariedade. 

 A Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) é un organismo público dependente da Consellería de Sanidade que engloba o centro de transfusión de Galicia. Entre os seus obxectivos atópase o de subministrar compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia en función das súas necesidades. 

 Cada día ADOS despraza dez unidades móbiles a diferentes puntos de Galicia e mantén abertos sete puntos fixos de doazón nos principais hospitais na procura de doazóns de sangue que despois son procesadas e preparadas para atender ás e aos doentes que así o precisen. 

 As persoas interesadas en doar deben lembrar que debe serse maior de 18 anos cun peso mínimo de 50 kg, que hai que agardar dúas horas despois do xantar e levar tarxeta de doazón, DNI ou documento similar. Recoméndase non acudir a doar se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios e débese informar ao persoal médico se se está a tomar algunha medicación. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario