20 de xul. de 2023

O ROSAL

O PROGRAMA MUSIGAL, DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA CHEGARÁ ESTE SÁBADO AO ROSAL CO CONCERTO DE UXÍA E JAVIER RUIBAL 

O espectáculo, co título Da túa casa á miña, terá lugar ás 22:00 horas na praza do Calvario 




Infogauda / O Rosal

 O programa Musigal, posto en marcha pola Deputación de Pontevedra para contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia, chega este sábado 22 de xullo ao Concello do Rosal cun concerto a cargo de Uxía e Javier Ruibal. O espectáculo, co título Da túa casa á miña, terá lugar ás 22:00 horas na praza do Calvario.  

 Da túa casa á miña constitúe un retrato musical de dous poetas universais: Rosalía de Castro e Federico García Lorca. Uxía e Javier Ruibal teñen unha ampla experiencia musicando poetas e este traballo supón un paso máis nunha historia de amizade e complicidade que quere seguir o camiño iniciado por Lorca de Granada a Santiago, selando a irmandade norte-sur, así como poñer no centro “o que nos une e non o que nos separa”. Deste xeito máis que un concerto trátase dun encontro intimista galego-andaluz no que se darán cita as sonoridades do flamenco e de Galicia.  

 Uxía Senlle comezou na música tradicional a mediados da década dos 80 do século pasado.  Destaca polos seus alalás, canto de raíz galega, e ten publicado ao longo da súa traxectoria 12 discos que a levaron a acadar premios como o da Crítica Galicia ou ao Mellor álbum de música de Raíz nos Premios da música independente de España. Tamén ten sido seleccionada como Top of the World (en galego, Cima do Mundo), pola revista británica Songlines.  

 O gaditano Javier Ruibal conta con máis de 35 anos de carreira musical. Cantante, compositor e guitarrista, a súa música combina co old school rock, cante, a poesía e o jazz. Ten sido galardoado con premios como a Medalla de Andalucía en 2007 e ten recibido o Premio Nacional das Músicas Actuais no 2017. No 2020 acadou o Premio Goya á mellor canción orixinal por Intemperie, película homónima de Benito Zambrano.

Ningún comentario:

Publicar un comentario