17 de xul. de 2023

A GUARDA

PROPOSTAS DE ANABAM PARA INCLUIR NA AXENDA DO CONCELLO DE A GUARDA

Para un novo rumbo no medio ambiente e a biodiversidade guardesas




ANABAM / A Guarda

 A Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM) ofreceu a súa colaboración á nova corporación guardesa, especialmente á concelleira de Medio Ambiente e Biodiversidade, para que se poña na axenda da concellaría correspondente, uns obxectivos que nos leven a potenciar, protexer e conservar os valores naturais que ten A Guarda, así como comezar a traballar por un medio ambiente máis respectuoso co entorno. Neste senso, o pasado 3 de xullo enviamos un escrito coas primeiras propostas que deberan incluír na axenda medioambiental e da biodiversidade e que son as seguintes: 

1/ ROZAS que se leven a cabo tanto no interior como no exterior da fortaleza, así como ao longo da senda litoral: PROPOÑEMOS que por cada 30 metros de roza, deixar como mínimo 10 metros sen rozar e colocación de carteis informativos (imaxe 1). 

2/ LIMPEZA DO AREAL DA PRAIA DE CAMPOSANCOS: tramo do Puntal, unicamente recollida de lixo, deixando os demais elementos naturais. Resto da praia, deixar os troncos e madeiras de certo tamaño. A finalidade é favorecer a presenza da biodiversidade, fundamentalmente invertebrados propios do areal e evitar a erosión (imaxe 2). 

3/ COLABORACIÓN NA RECUPERACIÓN DE ESPECIES DO AREAL E DO LITORAL, que desapareceron pola actividade levada a cabo nos mesmos (limpezas radicais e rozas fundamentalmente) colaborando deste xeito no proxecto desenvolvido por esta asociación denominado PREABAM (Protección e Recuperación de Especies Ameazadas do Baixo Miño) (imaxes 2, 3 e 4). 

4/ PAPELEIRAS: Cambiar o sistema das papeleiras que hai actualmente, especialmente nas áreas sensibles como son o litoral e a ribeira fluvial, de tal xeito que teñan tapa e non aberturas laterais para evitar que o vento espalle o contido (imaxe 5). 

Ningún comentario:

Publicar un comentario