19 de xuño de 2023

VIGO

Persoal do centro médico privado Vithas de Vigo mobilízase para reclamar melloras salariais 

Moitas/os traballadoras/es non chegan ao salario mínimo, e a última actualización do convenio provincial non supuxo melloras 


Persoal do centro médico privado Vithas Diagnósticos, pertencente ao grupo Vithas, desenvolveron hoxe unha concentración ás portas do centro situado na rúa Troncoso

Foto: CIG

Infogauda / Vigo 

 Persoal do centro médico privado Vithas Diagnósticos, pertencente ao grupo Vithas e con tres centros de traballo en Vigo, desenvolveron hoxe unha concentración ás portas do centro situado na rúa Troncoso para reclamar acordos coa empresa que se traduzan en melloras salariais, tendo en conta que a recente actualización do convenio provincial “supuxo pouco máis que a absorción de vellos complementos”.  

 Dende a CIG-Saúde denuncian que o convenio provincial de referencia contempla soldos baixos e acumula unha gran perda de poder adquisitivo. Neste senso, lembran que noutras empresas do grupo a dirección chegou a acordos para mellorar os salarios, “pero neste caso non está disposta a negociar co comité de empresa de Vithas Diagnósticos Vigo”.  

 Explican que na empresa teñen presenza distintas profesionais, dende técnicas/os de laboratorio e enfermeiras/as até persoal de xestión, e que o actual convenio contempla salarios por debaixo dos 1080 euros establecidos como salario mínimo interprofesional. “A perda de poder adquisitivo é evidente na última actualización do convenio, véndose agravada pola perda dos complementos que facían competitivos os salarios desta empresa”.  

 En consecuencia, dende a representación sindical (4 delegados/as da CIG e 1 da CSIF) levan tempo solicitándolle á a dirección o establecemento de acordos de empresa que actualicen as nóminas do persoal. “A resposta da empresa sempre foi negar a posibilidade de calquera tipo de diálogo”. De xeito que as mobilizacións no tempo de descanso do persoal continuarán este mércores 21 no centro da rúa Paraguai e o venres 23 no da rúa Lepanto, as dúas ás 11:00 horas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario