15 de xuño de 2026

A GUARDA

A Guarda sitúase na vangarda do debate sobre o control da acacia 

•  A Guarda acolleu o sábado, 13 de xuño a I Xornada de Xestión e Control da Acacia organizada pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Guarda 

•   Na que expertas de Galicia e Portugal compartiron os seus coñecementos ante máis de 60 persoas asistentes que se achegaron desde máis de 20 concellos galegos. 


Momento no que Luis González Rodríguez, da Universidade de Vigo, efectuou seu relatorio
Fotos: Santiago Baz Lomba
O alcalde de A Guarda, e a presidenta da Entidade Local Menor de Camposancos tamén asistiron a actividade


Noé Ferreira-Rodríguez/A Guarda

 A Guarda converteuse o pasado sábado, 13 de xuño nun punto de encontro de referencia para abordar un dos principais desafíos ambientais que afectan actualmente aos montes galegos coa celebración da I Xornada de Xestión e Control da Acacia, organizada pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Guarda. 

 A actividade reuniu a un numeroso publico procedente gran parte da xeografía galega confirmando o interese existente arredor da expansión desta especie invasora e da procura de solucións eficaces para a súa xestión. 

 Entre as persoas asistentes atopábanse representantes dun amplo abano de entidades, desde comunidades de montes e propietarios forestais, a profesionais do sector forestal, persoal investigador e estudantado universitario, organizacións non gobernamentais ambientais, persoal da administración vencellado á xestión ambiental, profesorado especializado en formación forestal e persoas a título individual interesadas na conservación e restauración dos montes. 

 A xornada naceu coa vontade de crear un espazo de transferencia de coñecemento, favorecendo o encontro entre a investigación científica, a experiencia práctica acumulada durante décadas sobre o territorio polas comunidades de montes e a visión do traballo da administración pública. Ao longo da mañá abordáronse cuestións relacionadas coa expansión das acacias en Galicia, os seus impactos ecolóxicos, económicos e sociais, así como as diferentes ferramentas dispoñibles para o seu control e xestión, incluíndo os medios mecánicos, biolóxicos e químicos. 

 O bloque científico contou coa participación de Luis González Rodríguez, da Universidade de Vigo, e Liliana Neto Duarte, da Universidade de Coimbra. As súas intervencións permitiron afondar no coñecemento da bioloxía das acacias, os procesos que favorecen a súa expansión e as estratexias de restauración ecolóxica e control actualmente dispoñibles. Entre as principais mensaxes trasladadas destacou a necesidade de apostar por unha xestión sostida no tempo, baseada no coñecemento científico e no fortalecemento da vexetación autóctona como ferramenta fundamental para aumentar a resiliencia dos ecosistemas. 

 A continuación, Manuel Lopes Rodrigues, da Comunidade de Montes de Teis, e Félix Parada Mouriño, do Servizo de Patrimonio Natural de Pontevedra, compartiron experiencias prácticas desenvolvidas ao longo de décadas de traballo sobre o territorio. As súas intervencións permitiron coñecer casos reais de restauración ambiental, control de especies invasoras e recuperación de espazos naturais, poñendo de manifesto a importancia da continuidade das actuacións e da implicación social na conservación do territorio.


Persoas asistentes a xornada técnica realizada no Monte Trega
 

 A xornada rematou cunha visita técnica ao Monte Trega para coñecer a experiencia de control biolóxico co pastoreo caprino que desenvolve a Comunidade de Montes de Camposancos, e as  explicacións de Francisco Alejandro López Núñez, investigador da Universidade de Coimbra, sobre a introdución da avispilla Trichilogaster acaciaelongifoliae como ferramenta para reducir a capacidade reprodutiva de Acacia longifolia. 

 Desde a Comunidade de Montes da Guarda valoran moi positivamente o resultado da xornada, tanto pola elevada participación como pola diversidade de perfís presentes. A entidade considera que a resposta obtida evidencia a necesidade de impulsar espazos de encontro que permitan compartir coñecemento, experiencias e boas prácticas entre investigación, administración, comunidades de montes e sociedade en xeral. 

 A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Guarda agradece expresamente a colaboración do Concello da Guarda, ANABAM e a Asociación Forestal A Jalleira, así como a participación desinteresada de todas as persoas relatoras e asistentes que contribuíron ao éxito desta primeira edición. 

 Como resultado da xornada, a Comunidade de Montes elaborará un documento técnico coas principais achegas e conclusións dos distintos relatorios e experiencias presentadas, que será remitido as distintas administracións co obxectivo de contribuír á mellora das políticas de prevención, control e restauración dos espazos afectados polas especies exóticas invasoras. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario